O Consello Nacional proclama a Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta
A candidata nacionalista aspira a que o BNG teña o temón do goberno que vai abrir un tempo novo en Galiza
“O cambio pasa por ter unha presidenta do BNG”, afirma tras ser elixida
“Non chega con mudar caras nin con retoques cosméticos”, recalca, “é necesario un proxecto coas mans libres que confíe no potencial do país”
Co apoio unánime da militancia, expresado nas asembleas comarcais celebradas por todo o país e na da emigración, o Consello Nacional proclamou a Ana Pontón candidata á Presidencia da Xunta que asume o reto coa aspiración de que o BNG lidere o Goberno que abra un tempo novo en Galiza tras a cita coas urnas. “O cambio pasa por ter unha presidenta do BNG”, afirmou entre aplausos.
Na súa intervención alegou que “non chega con mudar as caras nin con retoques cosméticos, é necesario un proxecto sen complexos que confíe no potencial do país, capaz de defender os intereses dos sectores produtivos, das empresas, da clase traballadora, os servizos públicos, capaz de sacar adiante as medidas que precisa Galiza sen ter que mirar a Madrid para pedir permiso. E para iso, o BNG ten que levar o temón do Goberno que abra ese tempo novo que Galiza merece”.
Pontón agradeceu a confianza da militancia pero destacou que mudar o rumbo do país é un reto colectivo, como organización e como sociedade. Con ese obxectivo, o BNG vai traballar desde xa para acadar o apoio da maioría social que quere dar carpetazo á década de recortes, submisión e irrelevancia política de Feixóo.
“Hoxe hai unha maioría social que, elección tras elección, está expresando os seus desexos de cambio e son cada vez máis os galegos e as galegas que miran ao BNG como a mellor ferramenta para conseguilo. Temos que dirixirnos a esa maioría que non se resigna a ver como o país se nos escapa entre os dedos, que sabe que outra Galiza é posible e quere empezar a construíla da man do BNG nas próximas eleccións galegas”, animou Pontón.
A proclamación de Ana Pontón como candidata ven precedida dun proceso de participación e votación por parte de máis de 2.000 persoas nas 25 asembleas comarcais por todo o país e tamén desde a emigración. Un proceso que se saldou sen un só voto en contra e cunha apoio case unánime e masivo das bases á actual portavoz nacional. “Darei o mellor de min mesma e traballarei con humildade e entusiasmo para conseguir que o BNG lidere o cambio político que este país necesita”, recalcou.
A líder nacionalista tamén dedicou unha parte da súa intervención ao acordo de investidura asinado por tres razóns fundamentais: “Galiza, Galiza, Galiza”. E deixa ben ás claras a importancia de ter unha forza política propia capaz de facer valer os intereses dos galegos e das galegas ante o Estado, “sen ataduras nin submisións”, un acordo co que o Bloque tamén “logrou transmitir que o cambio de ciclo político xa está en marcha”.
Firmeza e capacidade negociadora
De feito, recalcou, “rachamos coa irrelevancia política que alimentou o PP desde a Xunta e o conxunto das forzas estatais desde Madrid e conseguimos que Galiza volva existir politicamente no Estado, volva ser un país co que negociar, acordar e ao que hai que respectar”.
Basta ver a reacción do xefe do Executivo, ironizou Pontón, para constatar a importancia do pacto. “Quedou tan descolocado que sigue en modo pataleta ao ver que nun mes o Bloque conseguiu máis para Galiza que el en dez anos, quedou retratado como o que é: un presidente ausente, incompetente e desleal”, sintetizou, un Feixóo “que está nas últimas horas do seu tempo político, como un boxeador ao borde do KO”.
A candidata á Presidencia considera que o éxito é tamén mérito de todas as persoa que confiaron na formación nacionalista para facer valer os intereses dos e das galegas no Estado, e fixo un recoñecemento expreso ás persoas que participaron directamente na negociación, -“con firmeza e capacidade”-, citando a Goretti Sanmartín, Rubén Cela e, particularmente, ao deputado, Nestor Rego, “quen recolle da mellor maneira o legado do BNG no Congreso”.
Pontón destacou algúns dos logros que dan solución á cuestións urxentes en materia de infraestruturas, sector industrial, benestar social e igualdade e que permiten avanzar en autogoberno.
Cumprir a palabra dada
Entre elas o abaratamento das peaxes para 22.000 persoas que usan a diario a AP9, o incremento de recursos para atender ás persoas dependentes, ou novas dotacións para loitar contra a violencia de xénero coa creación de xulgados específicos en Santiago, Lugo e Ourense.
Supón un boa nova para as comarcas afectadas por procesos de transición enerxética, pois compromete convenios para unha transición xusta e inclúe a Galiza en todos os fondos para a descarbonización, acabando cunha discriminación aberta por Raxoi en 2011. Recalca tamén a aposta pola modernización da rede ferroviaria interior e polo coidado do territorio, con compromisos no saneamento das rías ou a reubicación de ENCE.
“Cumprimos a palabra dada cando dixemos que os votos ao BNG servirían para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.