O Consello Nacional do BNG aproba o regulamento para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta
O proceso culminará o 25-N tras o debate e votación por parte da militancia nas asembleas comarcais que se celebrarán ao longo e ancho do País
“O BNG ten toda a maquinaria engraxada e posta a punto para encarar o reto das vindeiras eleccións”, destaca a responsábel de Organización, Lucía López
O Consello Nacional deu hoxe o pistoletazo de saída para a elección da candidatura do BNG á Presidencia da Xunta. Nunha reunión extraordinaria celebrada vía telemática, o máximo órgano de dirección entre asembleas aprobou o regulamento dun proceso aberto a toda a militancia que culminará o 25 de novembro e que arranca este mesmo martes, día 31, coa apertura do prazo para a recollida de avais.
Segundo o calendario aprobado, dende o martes até o 13 de novembro calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deberá presentar no rexistro da sede nacional. Finalizado ese trámite, será a militancia a que tome a palabra e se pronuncie a través das 26 asembleas comarcais que se van celebrar ao longo e ancho do País entre os días 14 e o 19 de novembro, tal e como establece o calendario aprobado.
“No BNG as decisións que adoptamos son colectivas e democráticas, fundamentadas sempre no debate e na participación da militancia”, asegurou a responsábel nacional de Organización, Lucía López. Seguindo ese espírito, o BNG habilitará a posibilidade de votación telemática no caso de haber militantes que non poidan asistir ás asembleas de forma presencial. Tamén a emigración terá voz neste proceso e poderá emitir o seu voto vía telemática entre os días 14 e 16 de novembro.
Unha vez concluídas as votacións, o Consello Nacional reunirase de novo o 25 de novembro para a proclamación da candidatura elixida.
O BNG arranca este proceso dando cumprimento aos estatutos aprobados en asemblea e coa idea de ter pechada a súa candidatura ante un eventual adianto electoral, tendo en conta ademais que a vindeira será unha das citas coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos. O BNG encara estes comicios como forza líder do cambio galego e alternativa real ao actual goberno da Xunta, unha alternativa que pasa por arrebatarlle a maioría absoluta ao Partido Popular e concentrar na formación nacionalista o apoio dos galegos e as galegos que desexan abrir un tempo novo en Galiza.
“Temos toda a maquinaria engraxada e posta a punto, cunha organización forte e cohesionada para encarar o reto das vindeiras eleccións galegas, porque Galiza precisa rachar coa submisión a Madrid cun goberno que confíe nas súas capacidades e potencialidades”, manifestou Lucía López Sobrado