Congreso: Rosana Pérez critica o intento de Juárez de criminalización do BNG

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse este mediodía ao Secretario de Estado de Seguridade para reprocharlle a “desproporcionada actuación policial en manifestacións pacíficas como as protagonizadas polos afectados polos desafiuzamentos” e para criticar as palabras do Delegado do Goberno na Galiza.

A deputada do BNG díxolle ao Secretario de Estado de Seguridade que “non se está a ter en conta o contexto de graves dificuldades socio-económicas polo que atravesa a poboación, e as autoridades dan as ordes con contundencia e desproporción en casos de manifestacións pacíficas e fundamentadas como é o caso dos afectados por desaloxos das súas vivendas”.

Samuel Juárez “e o seu intento de criminalización”

Ademáis, Rosana Pérez criticou as afirmacións recentes do delegado do Goberno na Galiza, o Señor Samuel Juárez, criticando a “súa extralimitación e desproporción á hora de cualificar estas manifestacións, intentando criminalizalos, e incluso intentando criminalizar a formacións políticas como o BNG, usando aquela vella artimaña de relacionarnos co terrorismo”.

A deputada do BNG deixou moi claro ao alto cargo de Interior que “o BNG sempre rexeitou o terrorismo” e lembroulle que a Plataforma de Afectados polas Hipotecas foi galardonada polo Parlamento Europeo co Premio Cidadán Europeo 2013, “e desde logo, non cremos que se deba a un comportamento desmedido”.

Rosana Pérez fixo alusión concreta ao caso do desafiuzamento en A Coruña de Aurelia Rey, sinalando que “se están producindo actuacións por parte da policía que consideramos fóra de lugar, e que se dirixen a impór o medo para que os cidadáns non se manifesten. Unha actuación desmedida que observamos nos desaloxos e tamén noutros casos de cidadáns afectados por abusos bancarios como os preferentistas aos que s elles envían sancións por protestar pola súa situación”.

Intervención do Secretario de Estado de Seguridade

Na súa intervención para dar resposta á solicitude de comparecencia do BNG, o Secretario de Estado de Seguridade limitouse a afirmar que a policía nacional ten o deber de cumprir a lei e as sentenzas xudiciais. “A policía debe garantir o cumprimento das leis e as ordes xudiciais”.

No turno de réplica, o Secretario de Estado sinalou que “a actuación policial sempre é profisional e guiada pola necesidade de facer compatíbel o exercicio dos dereitos constitucionais”. Negou que “existisen instruccións á policía por parte de Interior”.

Botou mán dos dados para xustificar as actuacións policiais, e explicou que no ano 2012 se produciron 6.125 concentracións, “un incremento dun 40% en relación ao ano anterior”. De maneira sorpresiva, afirmou que “os funcionarios públicos da policía estiveron sometidos aos lamentábeis recortes” e “tiveron que traballar máis horas”.

Nada dixo en relación ás afirmacións do Delegado do Goberno na Galiza.