Congreso: O PP opúxose á proposición do BNG para "parar a desfeita nos servizos ferroviarios"
O deputado do PP, Celso Delgado, foi o parlamentar encargado de expresar o rexeitamento dos populares á iniciativa do BNG, que en cambio foi apoiada polos demáis grupos.
Na súa intervención, Rosana Pérez cualificou o Plan de Fomento de grande desfeita no servizo ferroviario galego. E digo desfeita pola confusión, a opacidade, o desconcerto e a desinformación na primeira fin de semana de xuño, tanto nos usuarios como nos traballadores de Renfe. Un plan aplicado con premeditación e alevosía coa intención de provocar tal caos que se deixase sen capacidade de reacción a miles de persoas que dun día para outro só podían pensar en como chegar ao seu posto de traballo ou á Universidade.
E argumentou, en réplica ao PP que aos usuarios quentáronos vostés coa súa actuación e non os demáis.
A deputada do BNG advertiu que o Plan de Fomento e de Renfe se vía vir. O que está a acontecer na Galiza pode ser aínda pior sen os atemos á auditoría INECO que recomenda que só se manteña nos trens rexionais de A Coruña-Vigo e Santiago-Ourense, e que o demáis pasen a seren atendidos por trens de longa distanza ou por autobús. Para INECO, alertou, son ineficientes nada máis e nada menos que 49 liñas pero incluso nas eficientes se lles recurtan os servizos como entre Pontevedra e Vigo.
Galiza: o territorio con máis dispersión e sen servizos de tren
Rosana Pérez chamou a atención sobre o feito de que Galiza sexa a comunidade con maior dispersión de poboación de todo o Estado, co 50% dos núcleos do conxunto estatal, moitos deles alonxados de autovías e autoestradas, e incluso moi distantes de estacións de trens polas que pasa o rexional. Sen esquecer, que carecemos de servizo de cercanías e imos ser unha das zonas máis afectadas polo Plan de Racionalización.
Acusou a Fomento de procurar só o aforro de 50 millóns anuais para 2015 e a eliminación duns 4.000 postos de traballo nos próximos catro anos. Algo inxustificábel e reprochou á Xunta a súa desidia. E preguntouse de que eficiencia fala Fomento. Da eficiencia dos Gobernos que durante anos se despreocuparon das infraestruturas caducas, dos trazados imposíbeis, da falla de modernización, da non electrificación das vías, da diminución de frecuencias e paradas, da eliminación de estacións ou da nula comunicación dos servizos ferroviarios e os aeroportos.
Promocionan o prezo a Madrid pero non o interior
Reprochou aos distintos Gobernos centrais de teren provocado a ineficiencia e a falla de rendabilidade ao longo dos anos. Iso si, ironizou, os galegos e as galegas podemos estar moito mais tranquilos polo incremento de frecuencias a Madrid. É o que nos debe importar e non que o Santiago-Ourense de media distanza tarda 2 horas. Igual que parece que debemos pasar por alto que a cidade luguesa non teña conexión por tren coa capital galega, e por riba, que as obras da A-54 entre Lugo-Santiago se teñan paralizado por decisión do Ministerio.
Non nos ten que importar que o primeiro tren da mañá entre Ourense e Vigo chegue a Vigo ás 14.12h, unha hora estupenda para comezar a traballar. Nen que o Eixo Atlántico deixe fóra a Ferrol. Nen que A Coruña-Lugo-Monforte vaia manter os servizos de longa distanza con Madrid e Barcelona pero perda un dos tan só dous de media distanza que ten. É unha anécdota que Monforte-Barco de Valdeorras só vaia manter os traxectos de longa distanza con Madrid, Barcelona e Euskadi só até que chegue o AVE. Ou que no traxecto Santiago-Vigo se supriman dúas viaxes das 6 que ten ao día.
A deputada do BNG continuou en tón irónico para sinalar que o que debe preocuparnos e todas as nosas necesidades diarias quedan solucionadas co aumento das frecuencias a Madrid. Sobre todo, cando Fomento se empeñou a fondo na súa campaña de maquillaxe de eliminación de 72 servizos, promocionando o prezo do billete a Madrid. Resulta incomprensíbel, incríbel e absurdo que o tren que sae de A Coruña ás 8.35h custe 25,20 euros para chegar a Ourense e 19,90 euros para chegar a Madrid. Con estes prezos o tren nunca será competitivo.
Galiza, puntualizou, é unha das Comunidades máis afectadas coa supresión de 72 servizos semanais, moi lonxe dos 11 de Asturias, dos 18 de Cantabria, dos 12 de Euskadi ou dos 28 de Valencia.