Congreso: o PP impón recortes e avanza cara á privatización da sanidade
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, expresou no Pleno da Cámara a oposición do BNG ao Real Decreto que contempla unha serie de recortes na sanidade pública.
Davila iniciou a súa intervención afirmando que este Real Decreto é a manifestación palpábel da fraude que este Goberno representa. As medidas que se contemplan contradín absolutamente as promesas eleitorais do PP. Poden darlle as volas que queiran, pero enganaron a boa parte dos seus millóns de votantes, aínda que nos queda a tranquilidade de saber que non enganaron aos máis de 14 millóns que non lles votamos. Están a actuar como agardábamos e temíamos.
A deputada do BNG deixou claro que os obxectivos do Goberno son o de desmantelar o Estado de Benestar, e deixar en máns da iniciativa privada toda posibilidade de negocio, aínda que ese negocio se faga a custa da saúde das persoas.
Conseguiron unanimidade en contra deste Decreto
Criticou os argumentos do PP centrados na necesidade de facer recortes para garantir a sostenibilidade do sistema. Se o problema é o financiamento, por que non arbitran medidas fiscais con criterios de progresividade de xeito que pague máis quen máis ten?, preguntouse Davila, quen reprochou o Goberno que prefira aplicar a inxustiza de que paguen máis os que máis enferman e deixar na total desprotección aos más vulnerábeis.
Davila: "O PP quere desmantelar a sanidade pública para convertela nun negocio para a iniciativa privada"
A deputada do BNG lembrou á Ministra de Sanidade que a sanidade pública se financia através do sistema impositivo xeral, daquela por que a exixencia de estar dado de alta na Seguridade Social? Teñen en conta o grande número de persoas que van quedar sen este dereito?.
Davila tildou o Real Decreto de fraude, inxusto e de auténtica chapuza. Sen esquecer a intromisión competencial. Neste sentido, lembrou á Ministra que a xestión sanitaria lle corresponde ás CC.AA, e reprochou ao Executivo do PP que estea a utilizar a crise para impor criterios recentralizadores.
E engadiu que hai algo que conseguiron con estes recortes na sanidade pública, lograron a unanimidade, conseguiron unir ás asociacións de profesionais sanitarios, a pacientes e usuarios, a todos, incluidos os Colexios médicos, que rexeitan este Real Decreto que non foi froito do diálogo senón da imposición.