congreso
Congreso aproba a iniciativa do BNG para recoñecer a incapacidade coa diagnose da silicose
20 de decembro de 2023 (10:25 h.)
Néstor Rego tamén consegue que o Congreso inste ao executivo a aplicar coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras da extracción e a transformación da pedra
A moción do BNG, consecuencia de interpelación o Goberno, contou co apoio da maioría dos grupos parlamentarios agás a abstención de PSOE e VOX
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, consegue que se aprobe a moción -consecuencia de interpelación á Ministra de Seguranza Social- relativa aos coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras do sector da extracción e a transformación da pedra, así como o recoñecemento de Incapacidade Permanente coa diagnose da silicose.
Parte resolutiva: medidas e modificacións lexislativas necesarias
No concreto, a organización nacionalista consegue que o Congreso inste o Goberno a que adopte as medidas e modificacións lexislativas necesarias para dar solución a estes problemas e, nomeadamente, as seguintes:
- Revisar os actuais coeficientes redutores asignados de modo que, cando menos, se equiparen os das categorías da minería exterior (ao descuberto) cos da minería interior regulados no Real Decreto 2366/1984, de 26 de decembro, sobre redución da idade de xubilación de determinados grupos profesionais incluídos no ámbito do Estatuto do Mineiro, aprobado polo Real Decreto 3255/1983, de 21 de decembro.
- Estender aos traballadores e traballadoras de empresas de transformación de mineral a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva como queda reflectido en diversos estudos e medicións realizados por organismos oficiais (Instituto Nacional de Silicose, Consellería de Traballo da Xunta de Galiza…), sendo ademais un dereito recoñecido pola xurisprudencia.
- Asignar, dentro do sistema da Seguridade Social, un código identificador das empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da extracción e transformación da pedra (como son o granito e a lousa), para que nos informes de vida laboral se identifique automaticamente esa actividade, de modo que o traballador acredite unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación. Trátase de evitar, como sucede na actualidade, que o traballador teña que recorrer á solicitude individualizada de asignación de coeficientes de empresa por empresa.
- Recoñecer a situación de Incapacidade Permanente Total ás persoas traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao, dando así solución á situación das persoas traballadoras que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa.