Congreso aproba a iniciativa do BNG para a intervención pública de Alu Ibérica na Coruña
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, consegue aprobar a iniciativa defendida na Comisión de Industria, Comercio e Turismo da cámara baixa. A iniciativa insta o Goberno do Estado a garantir a continuidade da actividade na planta de Alu Ibérica na Coruña, así como o mantemento dos postos de traballo para o que, se for preciso, se levará a cabo unha intervención pública temporal da planta por parte da SEPI.
Despois de dous anos de completa inacción por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a formación nacionalista consegue aprobar unha nova iniciativa na cámara baixa para garantir o futuro da planta de aluminio na Coruña. Unha planta da que dependen máis de 300 postos de traballo directos e que “está vivindo momentos decisivos”.
Após unha pequena mudanza, por medio dunha transaccional, a resolución da Comisión de Industria fica como segue:
“Instar o Goberno do Estado a:
- Realizar todas as xestións necesarias, en colaboración e coordinación coa Xunta de Galiza e os representantes dos traballadores, para lograr unha solución urxente que asegure a continuidade da actividade industrial e o mantemento do emprego na planta de Alu Ibérica da Coruña.
- Axilizar a adopción de medidas que favorezan que a factoría estea nas mellores condicións para manter a súa capacidade produtiva e evitar a destrución de emprego e, en particular, articular unha solución que asegure a subministración eléctrica necesaria para reactivar a electrólise a un prezo competitivo.
- No caso de que sexa preciso, levar a unha intervención temporal por parte da SEPI da planta de Alu Ibérica co fin de facilitar a posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable.”
A iniciativa foi aprobada cos votos a favor de todas as formacións políticas presentes na Comisión de Industria agás PSOE e VOX.