Congreso aproba a iniciativa do BNG para a diversificación da actividade nos estaleiros de Navantia Ferrol
A Comisión de Industria do Congreso aprobou tres dos cinco puntos da iniciativa do BNG a prol da diversificación do traballo en Navantia, na Ría de Ferrol. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, foi o encargado de defender a Proposición Non de Lei que procuraba garantir a continuidade dos postos de traballo en Navantia e nas empresas auxiliares a través da reconversión da fábrica nun complexo industrial integral.
“Temos claro que se este Goberno non se implica con Navantia, non se está implicando no desenvolvemento socioeconómico da comarca de Ferrol” comeza así o deputado nacionalista. Así mesmo, explicou que non só o Goberno do Estado se ten que implicar, senón que a Xunta de Galiza, como actor que posúe competencias en materia industrial, ten que demostralo con feitos. Deste xeito, o BNG propoñía a integración e participación activa do executivo galego no Consello de Administración de Navantia Ferrol, posibilidade amparade legalmente, porén este punto foi rexeitado cos votos en contra de PSOE, CS, VOX e coa abstención de UP e PNV.
Na súa intervención, Néstor Rego tamén recordou que a formación nacionalista segue a defender a necesidade de converter a Navantia nun complexo industrial integral “que sexa capaz de xerar a suficiente actividade para recuperar os postos de traballo perdidos e xerar novo emprego”. Neste sentido, o deputado nacionalista entende que ademais dos necesarios investimentos é imprescindíbel levantar os vetos á construción naval civil para que Navantia desenrole todas as súas potencialidades e poda acceder a todo tipo de contratos “a construción naval militar é un mercado moi cativo e con moitas limitacións”. Mais esta iniciativa tamén foi rexeitada contando cos votos a favor de BNG, UP e ERC.
Os puntos aprobados fan referencia a dotar á Fábrica de Turbinas de direccións e recursos propios suficientes “para a definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovábeis en xeral e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña en particular”. Ben sexa coma socia maioritaria das UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade. Neste sentido, o BNG tamén conseguiu aprobar que se introduza esta fábrica en aqueles segmentos da actividade relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima, procurando as colaboración “con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.
Por último, a formación nacionalista logra que se concrete un plan de investimentos destinado a modernización das infraestruturas de Navantia, dos obradoiros de prefabricado, diques para nova construción e diques para reparación.