O Congreso apoia a proposta do BNG para non discriminar o alumnado con TDAH nas axudas do Ministerio
“Trátase de rematar cunha inxustiza que non ten ningunha xustificación. O Ministerio debe rectificar porque, se non o fixer, manterá unha clara discriminación” di Rego
Tal e como estabelecen recentes sentenzas do Tribunal Supremo, deberá ser suficiente para a percepción de axudas o informe médico que diagnostica o TDAH
A iniciativa contou co apoio maioritario da Comisión de Educación, agás o voto en contra do PSOE e a abstención de VOX
O BNG vén de recibir o apoio do Congreso para exixir a rectificación do Goberno do Estado e, en concreto, do Ministerio de Educación, sobre a exixencia de presentar a acreditación de discapacidade para conceder axudas ao alumnado con TDAH. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu na Comisión de Educación “rematar con esta discriminación que non ten ningunha xustificación” e reclamou que ningún alumno ou alumna fique excluída das axudas sinalando, tal e como contemplan as resolucións do Tribunal Supremo, que “é suficiente con fornecer o informe médico”. A iniciativa contou cos votos a favor de todos os grupos con representación política (22) menos os votos de PSOE, en contra (12), e a abstención de VOX (3).
O apoio da Comisión de Educación, Formación Profesional e Deportes á iniciativa do BNG da luz verde na cámara baixa para instar o Goberno a “acatar e recoñecer as recentes Sentenzas do Tribunal Supremo que, como a citada STS 362/2023, considera incluído o alumnado con TDAH no artigo 7.1 do Real Decreto 471/21, de 29 de xuño, polo que se estabelecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudio, sen necesidade de acreditar discapacidade mínima de 33%”.
Así mesmo, urxe o Goberno a rectificar e revisar as bolsas e axudas denegadas para este curso 2023-2024 por non considerar suficientemente acreditada a necesidade de apoio educativo no caso de alumnado con diagnóstico de TDAH. “O Ministerio terá que dar as instrucións precisas para que nas próximas convocatorias de bolsas e axudas se cumpra o contido das Sentencias do Tribunal Supremo e se considere que, no caso do alumnado con TDAH, é suficiente co diagnóstico do trastorno para ter acceso ás axudas para o apoio educativo” confirma o deputado nacionalista.
Rematar coa inxustiza e non discriminar ao alumnado
O obxectivo da iniciativa do BNG é a de garantir que “non se discriminen ás crianzas con TDAH para a adxudicación de axudas para estudar” despois da decisión do Ministerio de Educación de exixir que se teña recoñecida unha discapacidade de cando menos 33% (agora reducida a 25%) para atribuír axudas económicas para apoio educativo.
De facto, a Proposición Non de Lei da frente nacionalista sustentase en resolucións do Tribunal Supremo que afirman que “é suficiente coa acreditación do TDAH para obter as axudas”.
“Trátase de rematar cunha inxustiza que non ten ningunha xustificación. O Ministerio non pode seguir deixando fóra das axudas o alumnado con TDAH porque supón unha clara discriminación” afirma Néstor Rego. Durante a defensa da iniciativa alertou que, de non corrixilo, deixaría en risco social e educativo, de forma especialmente grave, os menores máis desfavorecidos economicamente que, se non contaren con esta axuda, non van poder ter acceso a un reforzo educativo.