Os concellos presididos polo BNG amosan a súa solidariedade coas vítimas do accidente de tren

Os concellos presididos polo BNG súmanse ás concentracións que van ter lugar hoxe ás 12:00 en todo o país e onde se gardarán 5 minutos de silencio polas vítimas. Declaráronse sete días de loito oficial e suspendéronse todas as actividades festivas que estaban programadas para estes días, con declaracións institucionais de apoio ás vítimas do tráxico suceso acontecido na tarde do 24 de xullo.

Os concellos poñen todos os seus recursos, como se fixo xa desde o momento en que se produciu o accidente, a disposición do dispositivo habilitado para atender quer as persoas feridas quer as persoas máis directamente afectadas pola catástrofe, ao tempo que agardan que a investigación deite luz sobre o acontecido e que se tomen as medidas precisas para que non volva a acontecer unha traxedia similar.