Os concellos do BNG reafirman o seu compromiso co galego ante a crítica situación do idioma que revela o informe do IGE
Pontón anuncia unha emenda aos orzamentos para aumentar en 30 M€ as medidas contidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística para 2025
Os concellos do BNG reafirmaron o seu compromiso co galego ante a crítica situación da lingua que revela o último e demoledor informe do IGE no encontro que mantivo en Santiago a portavoz nacional, Ana Pontón, con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais de todo o País.
Pontón destacou o “afán propositivo e en positivo” dunha reunión coa que a formación nacionalista quere “afortalar” o compromiso coa lingua e “trazar unha alianza municipal a favor do galego” que sirva para definir e poñer en marcha actuacións que se irán implementando nos próximos meses e que queren contribuír a reverter “a situación tan grave” do idioma.
Neste sentido, puxo o foco sobre dous datos concretos do informe do IGE que evidencian as consecuencias “das políticas en contra do galego do Partido Popular” e dos seus 15 anos de “ataque frontal” á lingua. O primeiro, que só unha de cada dúas persoas da xeración educada integramente co decreto da vergoña sabe pouco ou nada falar en galego e, o segundo, que neste momento só o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan sempre galego, a metade do que o facían en 2018.
“Se segue esta progresión, poderemos ver como en seis anos a nosa lingua será absolutamente residual entre as xeracións máis novas, coas consecuencias que iso ten para o futuro do noso idioma”, advertiu a portavoz nacional, quen reprochou ao Goberno do PP a súa incapacidade para recoñecer a responsabilidade directa que teñen nesta situación as súas “políticas de bullying e acoso ao galego”.
Unha campaña iniciada polo actual presidente da Xunta ao poñerse detrás da pancarta “nunha manifestación indigna” en contra da lingua e que se mantivo durante os últimos 15 anos coa aplicación de políticas que claramente prexudicaron o galego, non só co decreto da vergoña, o denominado decreto de plurilingüismo, senón eliminando na práctica os recursos de apoio ao idioma, “ata o extremo de que no ano 2025 van ser menos da metade dos que existían en 2009”, destacou.
A isto engadiu outras “medidas lesivas para a lingua” como abrir a porta a que o galego non sexa a lingua que se empregue nos medios públicos ou a eliminación do requisito de coñecemento do idioma en determinados ámbitos da Administración, algo que considerou “básico para garantir o dereito a ser atendidos na lingua propia en Galiza”.
Diante dunha situación que cualificou de “grave e moi preocupante” pero “reversible”, Pontón recordou a proposta “de mínimos” do BNG que se debería levar adiante para “poñer en marcha unha política lingüística que sexa favorable ao galego” e que pasa, en primeiro lugar, pola elaboración dun “novo decreto para o ensino que garante que os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego, se vaian falando galego”. Un novo decreto, recalcou, que garante o coñecemento da lingua entre as xeracións máis novas, algo fundamental para asegurar o futuro do idioma.
En segundo lugar, apuntou a volta ao consenso en torno a lingua co cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade hai 20 anos polo Parlamento galego, nunha iniciativa promovida polo Bloque.
“Ese plan xeral pode aplicarse xa, o único que necesita é que nos poñamos de acordo en que medidas hai que priorizar, en que prazos hai que executalas e cantos recursos se necesitan”, afondou logo de advertir que a situación de emerxencia na que se atopa o galego precisa accións inmediatas e contundentes e non pode agardar dous anos como pretende o PP.
En terceiro lugar, a portavoz nacional considerou tamén fundamental darlle un novo impulso aos medios públicos na súa función normalizadora, poñendo o foco no público infantil e xuvenil. “Debemos garantir que a presenza do galego sexa unha presenza en igualdade e que permita tamén crear referentes”, recalcou.
Por último, reclamou máis fondos para as políticas de apoio á lingua porque estas “non se poden facer sen recursos económicos” e, nesta liña, avanzou que o BNG presentará unha emenda aos orzamentos que se van debater a semana que vén, para incrementar en 30 millóns de euros a partida destinada á aplicación de medidas que están contidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística no ano 2025.
“Se realmente o Goberno ten vontade de rectificar e quere acordar algo coa oposición en relación co galego que signifique un cambio positivo, estou segura de que esta emenda será aceptada no Parlamento”, indicou para apelar á vontade de chegar a acordos dun PP que habitualmente tira de “rodillo pasando por riba das propostas en positivo que presenta o BNG”.
Pontón subliñou como unha cuestión fundamental o compromiso do Bloque coa lingua, un elemento que “ten que vertebrar a acción municipal”, afirmou, impulsando e reforzando o papel que os concellos poden xogar a nivel lingüístico no ámbito máis próximo á cidadanía porque a formación nacionalista entende que “o galego necesita o apoio, a colaboración e o impulso de todos e todas”, concluíu.