O Concello de Pontevedra xa ten a fórmula coa que compensar a perda da extra aos empregados públicos
O goberno de Lores cumpre así a decisión de compensar a paga extra que Madrid impide, de tal xeito que os gastos domésticos de fin de ano permitan que o tecido empresarial da cidade non sofra de maneira tan drástica esta minoración de ingresos dun sector tan importante para a economía local como a función pública.
Iniciativa tamén na Deputación
O representante do BNG na Deputación, Cesáreo Mosquera, presentou tamén este luns unha iniciativa para desenvolver a mesma fórmula na entidade provincial.
A fórmula legal que compensará a extra de nadal será abonada en novembro, recoñecendo a productividade dos empregados municipais, e ascende ao 85% da paga extra. Como contrapartida, os traballadores terán que dedicar algún tempo de traballo extra.
A iniciativa do BNG foi consensuada cos representantes das traballadoras e dos traballadores do concello
Durante estes meses, os concelleiros de Facenda e Persoal, Raimundo González Carballo e Vicente García Legísima consensuaron cos representantes sindicais e os técnicos municipais esta fórmula coa que se intenta mitigar os fortes recortes que o PP impón vía Real Decreto.
Informe da Intervención positivo
Ademais de impedir abonar o salario extra, o goberno de Rajoy impuña que os Concellos non poden abonar unha masa salarial superior á do 2011, o que foi posíbel realizando un profundo estudo de todas as circunstancias: vacantes, prazas amortizadas, complementos actualizados e outros axustes, que posibilitaron un informe de Intervención Xeral do Concello positivo á iniciativa do BNG.
No vindeiro pleno municipal, o martes próximo, aprobarase unha modificación de crédito que permita, entre outras cousas, facer frente a este abono de productividade.