O Concello de Carballo pon en marcha a primeira Plataforma de Teleformación municipal de Galiza
Esta ferramenta, dispoñíbel a través da páxina web www.carballoformacion.org, permitirá ofertar cursos tanto a traballadores e traballadoras municipais como á cidadanía en xeral na modalidade online, para que cada quen poida aproveitar as accións formativas desde a súa casa ou desde calquera lugar que conte con conexión a Internet. O primeiro curso que ofrecen leva por título "Novas tecnoloxías para o emprendemento", e todas as persoas interesadas poden anotarse no propio portal de xeito gratuíto para seren aceptadas por rigorosa orde de inscrición.
Iníciase deste xeito unha iniciativa que ten como obxectivo incorporar as novas tecnoloxías ao emprendemento e tamén empregalas para acceder ao mercado global. En definitiva, esta ferramenta permite afondar na I+D+i, achegar a formación á cidadanía e demostrar, deste xeito, a utilidade que teñen os concellos na formación.