Comunidado do BNG: "A quen hai que investigar é os Borbóns"
Sobre a información publicada no día de onte en diversos medios de comunicación sobre a suposta abertura de dilixencias previas pola Fiscalía da Audiencia Nacional española en relación á portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, a Executiva Nacional quere facer as seguintes consideracións:
1. O BNG non ten constancia, por vías oficiais, da suposta abertura de dilixencias previas pola Fiscalía da Audiencia Nacional española. En todo caso, de ser certo, estas actuacións retratan máis unha vez á xustiza española e a vulneración que estas actuacións supoñen do dereito fundamental á liberdade de expresión no Estado español, como ten posto en evidencia en múltiples ocasións o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH).
2. Reafirmámonos no expresado en días recentes por esta Executiva Nacional, a través do comunicado emitido o día 3 de agosto a respecto da fuxida de Juan Carlos de Borbón e a operación posta en marcha para tentar salvar a monarquía e, especialmente, para desvincular a Felipe de Borbón dos negocios e da imaxe de corrupción do chamado 'rei emérito’.
3. Reafirmámonos no expresado pola Portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, no discurso que tivo lugar na Praza da Quintana o Día da Patria Galega. Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas.
Máxime nun momento no que está institución está totalmente cuestionada e mesmo está sendo investigada incluso pola propia Audiencia Nacional, ademais de pola Fiscalía do Tribunal Supremo ao que se suma, no exterior, a investigación que ten en marcha Suíza por parte da Fiscalía de Xenebra. Investigacións por, entre outras cuestións, presuntos cobros ilegais de comisións na adxudicación de obras millonarias no chamado “AVE á Meca” en Arabia Saudí; donacións e supostas contas bancarias en paraísos fiscais.
4. O Bloque Nacionalista Galego reafirma, máis unha vez, o seu compromiso democrático e republicano expresado no punto 3 da súa Carta de principios políticos, ideolóxicos e de valores.