Comunicado do BNG polo procesamento de 13 dirixentes nacionalistas catalás por parte Tribunal Supremo
23 de marzo de 2018 (20:19 h.)
- Manifestar o noso apoio e solidariedade a todas ás persoas inxustamente encausadas neste proceso e ás formacións políticas e sociais que representan.
- Amosar a nosa absoluta repulsa e condena á instrumentalización política que se está a facer por parte do goberno español do poder xudicial e que, evidencia que non existe unha separación real de poderes. Mais unha vez, tribunais absolutamente devaluados en termos xurídicos funcionan exclusivamente como correa de transmisión do goberno español.
- A situación política que se vive en Cataunya é, en termos democráticos e de liberdades básicas, de máxima gravidade. Vivemos un auténtico estado de excepción non declarado. No político, coa intervención do goberno catalán mediante a aplicación do art.155 da constitución española e no xudicial co encarcelamento e persecución das e dos politicamente discrepantes aos que se lles dá como única opción a prisión ou exilio.
- O encausamento destas persoas baixo a acusación dun delito de rebelión (que pode conlevar penas de prisión de até 30 anos), é unha aberración en termos políticos, mais tamén en termos xurídicos xa que este é un delito que para que se produza, necesariamente, ten que existir violencia. En todos estes anos, se por algo se ten caracterizado a mobilización política en Catalunya, é polo seu civismo e formas absolutamente pacíficas. A única violencia vivida en Catalunya durante este proceso foi a aplicada polo estado español a mans da policía na represión aplicada contra as cidadáns e cidadás que quixeron votar, libre e democraticamente, no referendo do pasado 1 de Outubro.
- Desde o BNG, seguiremos a reclamar a saída de prisión de todos os presos e presas políticas e a posibilidade de volta das e dos exiliados, así como a busca efectiva dunha saída negociada e pacífica, que permita a Galiza, Euskal Herria e Catalunya decidir, libre e democraticamente, o seu futuro podendo expresar con plenas garantías o tipo de relación que queren manter ou deixar de manter co Estado español. Mentres non se recoñeza ese dereito, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.
- O BNG sempre estará do lado da Democracia, das e dos representantes dos pobos electos en urnas, do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro. E, igualmente, sempre estaremos en contra da imposición, da violencia, da instrumentalización política da xustiza e dos corpos e forzas de seguridade do Estado e da violación de liberdades e dereitos individuais e colectivos. As e os nacionalistas galegos, mais unha vez, queremos amosar toda a nosa solidariedade coas e cos lexítimos representantes do pobo de Catalunya e o noso apoio e firmeza na defensa das liberdades, os dereitos e a democracia, aquí e alí.