Comunicado do BNG de Ourense
No día de onte, previa a reunión da Asemblea Local, celebrouse un Consello Local no que este órgano tomou conta da decisión de Isabel Pérez e Marta Arribas de pór os seus cargos de concelleiras en Ourense a disposición da organización e a súa vontade de non continuar nos mesmos na nova etapa que se abría fose cal fose a decisión da Asemblea. Así mesmo tamén comunicaron a súa decisión de achegar os seus coñecementos e experiencia para contribuír ao traballo do grupo municipal do BNG no futuro.
O Consello Local agradeceu o seu contributo e tomou conta da súa decisión que significa unha reestruturación e renovación do grupo municipal para encarar a nova etapa.
A Asemblea Local do BNG, realizada con posterioridade, tomou o acordo de non participar neste intre nun goberno de coalición co PSOE no concello de Ourense.
Compromisos coa sociedade
Polo tanto, o BNG comunica a todas e todos as veciñas e veciños que a partir de hoxe a nosa actuación no concello de Ourense estará fundamentada exclusivamente nos compromisos que adquirimos coa sociedade na campaña electoral das pasadas eleccións municipais. Compromisos entre os que estaba o non facilitar gobernos do PP alí onde dependese do noso voto.
A crise producida no goberno do concello de Ourense derivada da actuación da xustiza e as propias decisión adoptadas posteriormente no seo do grupo municipal do PSOE significaron a ruptura definitiva da confianza necesaria que o BNG entende debe existir para participar dun goberno de coalición. Á nosa solicitude inicial de non continuar nun goberno dirixido por unha persoa imputada, o grupo municipal socialista respondeu dicindo que non habería demisión e que se podería gobernar en minoría, e só posteriormente, cando se evidenciaron as súas diferenzas internas e o BNG xa deixara de facer parte do goberno, producíronse actuacións.
Posteriormente algunhas das decisións adoptadas polo novo alcalde reafirman ao BNG nesa perda de confianza que fai inviábel un goberno de coalición.
É certo que a xestión da crise foi o último e definitivo elo dunha cadea de desencontros que se teñen producido neste ano e medio no que en varias ocasións constatamos o incumprimento do pacto de goberno.
Os propios resultados das eleccións do 21 de outubro, póñenlle de manifesto ao BNG a necesidade de ter autonomía plena no traballo que quere desenvolver nas institucións. Pensamos que desde fóra do goberno municipal tamén se pode contribuír ao progreso e mellora de Ourense. A nosa actuación estará orientada á defensa do noso programa electoral, a contribuír de forma construtiva á mellora das condicións de vida na cidade e a estar en sintonía e atender as demandas dos veciños e veciñas da cidade.