Comunicado do BNG sobre o fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea

Oriol Junqueras

Diante do fallo do Tribunal de Xustiza Europeo, a Executiva Nacional do BNG manifesta:

  1. O fallo establece que Oriol Junqueras ten inmunidade parlamentaria desde o momento en que foron proclamados os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo o pasado 26 de maio, nas que resultou elixido eurodeputado como cabeza de lista da candidatura Agora Repúblicas, considerando que, en consecuencia, o Tribunal Supremo do Estado español debería terlle permitido tomar posesión da súa acta como parlamentario europeo.
     
  2. O BNG considera que tras o fallo do tribunal europeo, Oriol Junqueras debe ser posto el liberdade de xeito inmediato e recuperar todos os dereitos que lle corresponden como eurodeputado e poder exercer a representación política que lle outorgaron as urnas sen máis dilación. A xustiza española faría mal en volver ignorar todas as resolucións xudiciais referidas ao proceso soberanista catalán que veñen de fóra do Estado español e que sistematicamente poñen en evidencia déficits democráticos básicos.
     
  3. Unha vez máis, a xustiza europea volve emendar as decisións da xustiza do Estado español, revocando unha decisión por considerala contrario ao dereito comunitario, de obrigado cumprimento en todos os Estados membros, deixando ao descuberto a arbitrariedade da sala do penal do Tribunal Supremo cando se trata de emitir fallos ou sentenzas relacionadas coas lexítimas reivindicacións daqueles que defenden o dereito de autodeterminación dos pobos e a independencia de Cataluña.
     
  4. O BNG ratifica o seu total apoio e solidariedade con Oriol Junqueras e coa organización política que representa, que defenden por vías pacíficas e democráticas o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro. Pese a iso, sofre as consecuencias da profunda involución democrática que estamos a vivir e que non só afecta a negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskal Herria e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso, recentralización e perda de dereitos e liberdades.
     
  5. Por último, o BNG non considera casual que inmediatamente despois de facerse pública a resolución do Tribunal de Xustiza Europeo se dea a coñecer a sentenza que inhabilita ao presidente de Catalunya,  Quim Torra, novo exemplo de que a separación de poderes no Estado español ten máis de aparente que de real e que, de xeito sistemático, hai unha instrumentalización política da xustiza.
     
  6. Para o BNG o conflito catalán é un conflito político que só se poderá resolver politicamente e seguimos a reclamar a liberdade de todas aquelas persoas que a día de hoxe están privadas de liberdade no Estado español exclusivamente pola defensa dos seus principios políticos e do seu compromiso social.