Comunicado da Executiva Nacional do BNG sobre o conflito en Ucraína
28 de xaneiro de 2022 (12:03 h.)
Perante a escalada da tensión bélica entre os Estados Unidos e a Federación Rusa, que ameaza con detonar un conflito militar de consecuencias imprevisíbeis, o BNG, desde a aposta decidida pola paz e a defensa da soberanía dos pobos, manifesta:
- Estamos diante dunha escalada que se alimenta da pretensión da OTAN de continuar a ampliación cara ao leste, incorporando tamén Ucraína e Xeorxia -o que é valorado como unha ameaza militar por parte de Rusia- e que vén precedida polo incremento exponencial do apoio militar dos EUA e diferentes países da Alianza Atlántica ao goberno ucraíno, nun contexto de guerra contra as repúblicas do Donbass.
- A OTAN é unha organización militar agresiva, que carece de razón de ser desde unha perspectiva de políticas internacionais de Paz e colaboración entre os pobos, mais que existe e se fortalece polo seu papel ao servizo dos intereses xeo-estratéxicos das grandes potencias occidentais e do histórico afán imperialista dos EUA. Por tanto, no canto de expandirse para o leste de Europa e continuar alargándose, debería ser disolta.
- A decisión do Goberno español de ofrecer á OTAN o envío de efectivos militares ao leste é profundamente desacertada. En vez de apostar na desescalada pola vía diplomática e do diálogo, toma o camiño de contribuír para o aumento da tensión bélica na zona. É un erro, que parece partir do afán de aparecer como colaboradores servís dos EUA en defensa de intereses que non son os nosos, nin os do pobo galego nin os dos pobos do Estado.
- Rexeitamos rotundamente o envío de efectivos militares -entre eles as fragatas Blas de Lezo e Juan de Borbón, con base en Ferrol- ao Mar Negro e a países do leste e reclamamos unha mudanza de posición. Chamamos a atención, aliás, de que esta decisión foi adoptada sen que previamente fose levada a debate e votación no Congreso.
- Sinalamos que unha política de paz require apostar sempre no diálogo e nos esforzos diplomáticos, no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr a desescalada das tensións e procurar unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos.
- Alertamos do risco de que o Estado español se deixe arrastar a un conflito bélico pola actitude militarista da OTAN e dos Estados Unidos e polos intereses xeoestratéxicos desta potencia imperialista, polo que reclamamos a neutralidade activa do Estado español e a retirada dos efectivos militares que xa foron enviados.
- Denunciamos a realización no mes de xuño próximo dunha cimeira da OTAN no Estado español e reclamamos, máis unha vez, a desaparición desta organización militar.