Comunicado da Executiva nacional do BNG sobre o ataque de Estados Unidos a Iraque
08 de xaneiro de 2020 (12:50 h.)
A Executiva Nacional do BNG, diante do asasinato do dirixente iraniano Qasem Soleimani por parte de efectivos militares norteamericanos, manifesta as seguintes consideracións políticas:
- O BNG manifesta a súa máis enérxica condena e rexeitamento diante deste novo episodio imperialista por parte do goberno USA. Nunha acción militar de consecuencias imprevisíbeis, un dron norteamericano asasinou no Iraque a Qasem Soileimani, comandante iraniano e figura chave na política exterior deste estado.
- Estamos diante dunha nova escalada imperialista dos Estados Unidos que, ademais do cercenar vidas humanas, non ten escrúpulos para violar a soberanía dun Estado, e mesmo para provocar un novo conflito bélico con repercusións potencialmente gravísimas.
- O BNG denuncia a postura cómplice e submisa do Goberno español e da Unión Europea a respecto desa política imperial. A inexistencia de condena destes feitos por parte do Goberno español e da UE son un clamoroso exemplo da súa docilidade obediente a respecto da administración Trump.
- O BNG demanda a retirada dos 500 efectivos do continxente militar español destacado no Iraque, nunha misión internacional auspiciada polos Estados Unidos e a OTAN.
- O BNG reafírmase nunha posición internacional activamente anti-imperialista e de defensa dos valores da paz e do desarmamento, a non inxerencia, e de respecto á soberanía dos pobos. Á vista da evolución da situación, o BNG valorará a opción de impulsar a mobilización social na Galiza como elemento de oposición á política exterior norteamericana, española e da UE.