Comunicado da Executiva Nacional do BNG após o falecemento de Adolfo Suárez
Após o falecemento de Adolfo Suárez, ex-Presidente do Goberno español, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego, tendo en conta a utilización deste feito como pretexto para lexitimar e validar o réxime político constitucional derivado da chamada Transición política, quer trasladar as seguintes consideracións:
1.- Nas institucións das que faga parte, no goberno ou na oposición, non entrará a valorar o seu papel político, con moitos aspectos cuestionábeis e atentatorios contra a liberdade do pobo galego e dos dereitos de Galiza como nación.
2.- O BNG non se prestará a converter este falecemento nun reforzo positivo dun proceso de transición -avalado pola UCD, AP, PSOE e PCE- que o nacionalismo galego leva décadas a combater e que supuxo a ausencia dunha verdadeira ruptura co réxime anterior.
3.- O BNG non asinará declaracións institucionais que vaian na liña antes enunciada, nin apoiará co seu voto o intento de converter este proceso nun referendo positivo sobre a convivencia no Estado español, un estado que nos nega e unha Constitución que non recoñece os nosos dereitos nacionais.
4.- Con todo, e do punto de vista humano, o BNG traslada as condolencias por este falecemento.