Completar o saneamento das rías, unha urxencia

O BNG criticou o intento do PP de “querer impor” o seu criterio na elaboración do informe sobre a situación das Rías galegas pechando o paso ás aportacións dos restantes grupos políticos e dos outros membros da delegación de investigación que visitou Galiza no pasado mes de febreiro, en resposta ás numerosas denuncias que reclaman o saneamento integral do litoral.

“É inaudito que un informe que tiña que contribuír a aportar solucións para completar o saneamento integral das rías, se converta nun enredo, no conto de nunca acabar, polo empeño do PP en aprobar un texto cuxo máximo obxectivo é lavarlle a cara a Xunta, esquecendo que despois de 25.000 millóns recibidos en fondos europeos, Galiza segue sen completar o saneamento das súas rías, perdendo riqueza económica e ambiental”, argumenta a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.

Durante o debate na Comisión de Peticións, a eurodeputada lamentou a “falta de diálogo e de transparencia” do presidente da delegación, o francés do PPE, Philippe Boulland. “Non é razoable que se impoña o criterio dun único membro da delegación oficial influenciado polo PP español, cando existía un informe inicial de consenso entre os tres membros oficiais da delegación”, explica Miranda, en relación á Boulland e as eurodeputadas Angélica Werthmann do grupo liberal ALDE e a Tatjana Zdanoka, do Grupo Verdes/ALE.

Tras evitar un documento de consenso, explica Miranda, “o BNG decidiu apoiar a proposta, formulada a través do Grupo Verdes/ALE, de solicitar aos servizos xurídicos do Parlamento Europeo que aclaran se é posible que un só membro dunha delegación de investigación impoña unilateralmente o seu criterio, rompendo o consenso inicial e foce a votación dun informe que só recolle a súa visión da situación das rías galegas, baixo a influencia interesada do PP español”.

Neste sentido, cabe citar o artigo 202.5 das regras de procedemento do Parlamento Europeo onde se indica que os informes derivados dunha delegación dunha investigación deben ser elaborados polos participantes, é non exclusivamente polo presidente, como pretende Boulland e alega o PP.

http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+RULES-EP+20130701+RULE-202+DOC+XML+V0//EN&language=EN&navigationBar=YES

Para o BNG o informe final debe aportar propostas e, entre outras propostas, contar cunha partida finalista dos fondos estruturais 2014-2020 para terminar de construír as infraestruturas básicas de saneamento e depuración. “Debe a ser un informe que contribúa a dar solucións, non un documento descafeinado sen utilidade”, conclúe.