Coas medidas de Feijóo esta volta ao cole será 300€ máis cara para cada familia galega

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, cualificou de “fracaso” a xestión do goberno de Feijoo no ensino público galego. Como exemplo puxo o novo sistema de adquisición de libros de texto, que para o curso 2012-2013 suporá que cada familia galega teña que gastar unha media de 300 € máis que no ano 2009.

Carme Adán asegurou que “aínda que sábado escoitamos dicir a Feijóo que Galiza non lle fallará ao Partido Popular, nós dicimos que Feijóo si lle fallou a Galiza, por exemplo no ámbito do ensino público”.

Supresión de Preescolar na Casa

Así, a deputada do BNG denunciou que “comezamos o curso escolar coas aulas de Preescolar na Casa pechadas, un programa pioneiro no ámbito da educación dos máis cativos no medio rural, e que este ano non os poderá atender porque foi pechado polo desleixo do señor Feijoo e polo desinterese do PP pola educación público e polo ensino no rural”.

No mesmo sentido, advertiu de que “comezamos o curso con menos profesores nas aulas galegas e menos unidades de ensino público”. Así, lembrou que no primeiro ano de goberno de Feijoo, 2009-2010, pecháronse 156 unidades ; no segundo ano 79; no terceiro curso escolar do Goberno de Feijoo, no 2011-2012, pecháronse 77 e este ano está previsto o peche da orde de 145 unidades.

“Isto -denunciou- da un total de máis de 450 unidades de aulas de ensino público pechadas durante o goberno de Feijoo”.

Menos profesores e 450 aulas menos no ensino público

No mesmo sentido, tamén advertiu de que comezamos o curso con menos bolsas para os estudantes de Formación Profesional, con menos bolsas para os estudantes de linguas estranxeiras e con máis gasto para as familias.

Así, a deputada do BNG afirmou que “neste curso as familias galegas terán que pagar de media uns 300 € máis nos libros de texto que no ano 2009, mentres que o goberno da Xunta gastará o mesmo”.

Deste xeito, criticou que “este sistema é máis caro e deixa desatendidas a máis familias galegas: o 40% non terá ningunha axuda da Xunta para comprar libros de texto e outro 60% terá unha axuda que non cobre o gasto dos libros de texto”.

Ademais, Carme Adán lembrou que “o incremento do IVE do material escolar fai que hoxe as familias galegas se enfronten a un gasto medio de entre 500 e 600 euros polo inicio do curso escolar”.

Por iso, subliñou que “o BNG di que co sistema de préstamo de libros de texto que había en 2009, co goberno da Xunta participado polo BNG, as familias galegas terían que gastar como media 300 € menos”.

Os datos do paro de agosto non remedian o fracaso do Goberno de Feijóo en materia de emprego

Por outra parte, Carme Adán valorou que “aínda coñecendo os datos do paro en Galiza no mes de agosto, temos que facer un balanzo moi negativo do fracaso do goberno de Feijoo en materia de emprego”.

E é que os datos globais son que dende o período 2009 a 2013 o paro medrou no Estado español un 10% pero en Galiza incrementouse un 23%. “Este -afirmou- é o aumento real do paro en Galiza no período do goberno de Feijoo”.

 

 

http://www.youtube.com/watch?v=lBOLKas-X4M