A coalición de BNG, Esquerra e Bildu loitará desde a Eurocámara pola democracia e contra o fascismo
Ana Miranda participou na presentación da coalición en Barcelona
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou na presentación de “Agora repúblicas” en Barcelona, na que salientou o traballo que desenvolve o BNG en Bruxelas cos partidos que integran a coalición, ERC e EH Bildu. “Esta coalición representa a loita pola democracia, os valores da esquerda, do antifascismo, a loita pola liberdade, a igualdade, a fraternidade, por suposto, o dereito a decidir dos nosos pobos”, salientou.
Para Miranda, cabaza de lista do BNG ás eleccións europeas, “Agora Repúblicas” é unha “coalición histórica, nun momento no que a historia precisa cada vez máis de diálogo contra a intransixencia”. Neste sentido lembrou a aprobación no Parlamento Europeo, o pasado 25 de outubro, da Resolución contra o avance do fascismo en Europa, da que foi relatora. “Agora teriamos que incluír tamén a Vox”, afirmou, lembrando que “desafortunadamente”, nin PSOE ni Podemos exercen de dique de contención ante a ultradereita.
Pola contra, expresou a súa satisfacción de que conseguir unha coalición “desde a que podemos facer fronte, de forma rotunda, á pinza entre PP e PSOE” , afirmou en referencia a súa unión “sen pudor” para recortar dereitos sociais, laborais e sindicais”. “E desde que o trifachito anunciou a manifestación de mañá, canto tardou o PSOE en levantarse da mesa de negociación? 24horas”, sinalou.
Ao respecto salientou que o españolismo non teñen un proxecto territorial que dea resposta ás inquedanzas sociais. Defendeu que “nin os baróns do PSOE, nin os experimentos de Podemos, ni por suposto PP e Ciudadanos teñen respostas nin ofrecen solucións. Todos eles quedaron swn discurso nin respostas ante a realidade da insatisfacción cidadá en relación ao Estado das autonomías”.
“Hai quen ten a desfachatez de dicir que o independentismo en Catalunya espertou o fascismo. Non. É que espertárono eles a base de bandeiras de España, de violencia verbal, de insultos, de falta de diálogo e coa súa política”, destacou, ao tempo que dedicou unhas palabras de saúdo aos presos políticos cataláns e ao traballo desenvolvido no Parlamento Europeo polos ex eurodeputados Oriol Junqueras e Raúl Romeva, cos que Miranda traballou directamente na pasada lexislatura, así como Ernest Maragall, actual candidato á alcaldía de Barcelona.
Ademais de resaltar que Agora Repúblicas é a alternativa de esquerda fronte ao fascismo e a represión, a eurodeputada galega afirmou que se trata dunha coalición feminista desde a que loitar contra partidos que abren a porta ao racismo, á xenofobia e ao recorte dos dereitos das mulleres. “Non imos a calar fronte ao machismo, ás manadas que actúan impunemente nas rúas, e as xudiciais, non imos a calar fronte ao silencio nin ao patriarcado, senón que dicimos alto e claro Nin un paso atrás”, destacou.
Destacou asemade o carácter internacionalista da coalición. “O 26 de maio temos dúas opcións, ou a Europa fortaleza que levanta muros mentres vende armas, ou a Europa solidaria como a que representan os nosos Pobos”, concluíu. No acto tamén interviñeron a portavoz de ERC, Marta Vilalta; o eurodeputado de Esquerra Jordi Solé; a candidata de ERC, Diana Ribas; o candidato de EH Bildu, Josu Juaristi; o candidato á alcaldía de Barcelona Ernest Maragall; a deputada de ERC no Parlamento catalán, Eva Baró; e o vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonés.