O centralismo imponnos un novo recorte: 26ME

O Consello de Política Fiscal e Financeira decidiu un novo recorte para Galiza. Os orzamentos do noso País serán modificados pola porta de atrás e recortados en 26 millóns de euros por unha decisión non adoptada polo Parlamento de Galiza, senón polos órgaos centrais do Estado, controlados politicamente polo PP.

"O PP continúa coa súa ofensiva centralizadora. Non é lóxico que os orzamentos galegos sexan modificados polo Consello de Política Fiscal e Financeira. É unha burla á autonomía de Galiza tolerada por Feijóo", alegou esta mañá a portavoz do grupo parlamentar, Ana Pontón na súa intervención no Faladoiro da TVG.

Alén do que significa de novo ataque ao autogoberno de Galiza, os novos recortes aprofundarán aínda máis a recesión que sofre o País.

Onte soubemos que Galiza está xa formalmente en recesión (ao acumular dous trimestres consecutivos de caída do Produto Interior Bruto). Con Feijóo no poder Galiza pasou de converxer a diverxer co Estado. En 2011 a economía galega decreceu o 0,5 por cento, dúas décimas máis que o Estado español.

"As políticas do PP estannos a traer máis paro e máis recesión", dixo Ana Pontón.

A Xunta é solvente? A Xunta triplicou a débeda de Galiza en tres anos!

Ante o argumento do PP de que grazas á suposta solvencia do Goberno Feijóo Galiza ten agora menos que recortar do que as demais comunidades autónomas, a portavoz do grupo parlamentar contraargumentou que "se o Goberno galego fose tan eficaz agora non tería que facer ningún recorte pola porta de atrás e sen debate parlamentar".

Ana Pontón cuestionou abertamente a solvencia do Goberno Feijóo e deu un dado moi esclarecedor: cando chegou o PP ao Goberno galego a débeda de Galiza estaba situada nos 3.300 millóns de euros. Tres anos despois esa cifra triplicouse, "se sumamos á débeda oficial -arredor de 7.700- a débeda oculta que se deriva do financiamento privado de infraestruturas públicas, como autovías e hospitais".