O caso de acoso laboral de Nélida Pisco chega ao Parlamento pola vía de urxencia da man do BNG

Concentracion autobuses de Calo (CIG)
  • Montse Prado pide á Xunta que, de persistir o mobbing, rescinda o contrato a esta empresa concesionaria de transporte colectivo e escolar na Comarca de Compostela

O BNG leva pola vía de urxencia ao Parlamento galego o caso de acoso laboral a unha traballadora da empresa HEDEGASA SL adicada ao transporte público de viaxeiros e ao transporte escolar na Comarca de Compostela, que non respecta os dereitos laborais como confirmou inspección de traballo que cualificou a actuación da empresa como “mobbing, psicoterrorismo, hostigamento e acoso laboral”.

Pese ao establecido pola Inspección de Traballo e pese a ter un extenso historial de condenas por acoso a unha traballadora, a empresa persiste na súa actitude “insolente”.

“Non é simplemente unha desprezable actitude que mereza a corrección por parte das autoridades laborais, como xa acontece, senón que é está comprobado o trato desconsiderado, irrespectuoso e ofensivo a unha empregada que desenvolve o seu traballo nun servizo público”, explica a deputada Montse Prado na iniciativa parlamentaria.

Prado entende que a Xunta non pode “tolerar” que se manteña esta actitude “e ten a obriga de facer que se respecte a lexislación laboral e, sobre todo, a dignidade humana”. Neste contexto, o BNG formulará unha pregunta no vindeiro pleno e insta á Xunta a esixir de HEDEGASA SL que aplique unha política laboral respectuosa cos dereitos dos e das traballadoras, e que “cese nas actuacións discriminatorias con esta traballadora por razón de sexo”.

En todo caso, se a empresa persiste no seu acoso e discriminación, o Bloque pide ao Goberno galego “que anule a concesión administrativa a esta empresa” concesionaria dun servizo público que empregan miles de veciños e veciñas da Comarca de Compostela.

O BNG apoia a concentración en defensa da traballadora convocada pola CIG para mañá xoves na dársena da Estación de autobuses de Santiago de Compostela, ademais de presentar iniciativas en todos os concellos afectados polo servizo de HEDEGASA SL.