Carmela González reclama intervir publicamente Barreras para garantir o futuro das auxiliares
A parlamentaria do BNG, Carmela González formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Economía, Farncisco Conde sobre as previsións da Xunta para salvar o estaleiro vigués Barreras. A deputada preguntou se a Xunta baralla unha “intervención pública” ou seguirá financiando con diñeiro público un estaleiro sen carga de traballo nin emprego. Dende o BNG dicimos que “non” a ese financiamento ante as incertezas e falta de seriedade do proxecto empresarial. Hoxe, máis que nunca e o momento de “intervir publicamente Barreras”, recalcou a nacionalista.
Pola súa parte o conselleiro eludiu responder a cuestión formulada pola deputada e lembrou que a Xunta sempre estivo colaborando para garantir o futuro de Barreras. Carmela González replicou que a situación do estaleiro vigués cada día parécese máis a un “culebron” da década dos 80 porque eran moi longos, con centos de capítulos nos que non pasaba nada e se pasaba era un infortunio para a desgraciada protagonista, que paradoxicamente sempre era unha muller; había “intrigas; segredos e malos que ao final que remataban na cadea”. A esperanza daqueles históricos culebróns, dixo, e que sempre remataban ben, esperamos que con Barreras pase o mesmo, pero nestes momentos somos bastante escépticos, confesou.
Hoxe, explicou a deputada viguesa, traemos a Cámara galega o último capítulo deste culebrón: o “Evrima” que saíu do estaleiro a semana pasada para ser pintado en Santander deixando a Barreras sen carga de traballo e o persoal das auxiliares abandonando as instalacións. Non lles deixan nin retirar o material, creando unha grande incerteza nas empresas.
O traballadores que quedan no estaleiro vanse adicar a acondicionar o taller e o almacén e achatarrar os casos dos Havia porque non hai garantía, nin prazo para a volta do Evrima.
A deputada culpabilizou da mala xestión empresarial a situación de Barreras dende hai anos, máis tamén son “culpables”, afirmou “os gobernos autonómico e estatal” pola súa pasividade e falta de plans de futuro para o naval galego.
Coñece vostede, Sr. Conde, a situación actual do estaleiro? Sabe que as débedas contraídas con 36 auxiliares alcanzan os 24M€ e Uninaval estima que mesmo poden ascender a 40M€ e afectar a medio millar de empresas?. O estaleiro “non ten pedidos, nin garantía de carga de traballo no futuro”, non hai director de produción, nin oficina técnica nin de novos proxectos.
A deputada volveu a preguntar ao titular de economía se o goberno seguirá financiando con fondos públicos o estaleiro de Barreras ou si reconsidera a posibilidade dunha intervención pública para garantir os postos de traballo e a súa viabilidade.
Ten algún plan ou xa desafiuzou ao estaleiro e vaino deixar morrer? Porque a situación é moi preocupante na comarca de Vigo e Barreras é un piar fundamental para o sector naval da ría, e o tecido industrial de Vigo e a súa comarca.
Dende Vigo, demandou a deputada pedímoslle que poñan freo a perda de postos de traballo na nosa cidade na que no último ano perdemos 2.500 empregos industriais e hoxe hai 5.400 empregos menos na industria viguesa que no ano 2009, “dende que goberna o PP na Xunta de Galicia”.
Carmela González reclamou ao conselleiro gobernar con altura de miras e abandonar as improvisacións e os parches cando aparecen os problemas. “Presenten un plan de futuro para Barreras que pase pola intervención pública, hai que apostar por un estaleiro público ou semipúblico que asegure o seu futuro e o do sector naval na Ría de Vigo”, concluíu.