Carme da Silva: “Temos a confianza e a ilusión da xente para volver dar voz a Galiza en Madrid”
A cabeza de lista instou hoxe aos que lle queren ao país a sumar votos no BNG por ser a opción mellor situada para gañar o escano que se disputa na provincia de Pontevedra á dereita ‘cavernícola’
“O efecto BNG está en marcha: temos a confianza e a ilusión da xente para volver dar voz a Galiza en Madrid”. Así de animada se amosou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, quen instou á galegas e galegos, votantes ou non do BNG, a “sumarse á remontada do Bloque” para que Galiza recupere a súa voz en Madrid e volva ser protagonista e decisoria nas políticas do Estado.
Da Silva destacou que a campaña do BNG está a ser “extraordinaria” pola cantidade de persoas que se achegan na rúa, nos actos, e nas redes sociais amosando simpatía ao proxecto nacionalista. Subliñou que o Bloque está a traballar para lle dar volta aos inquéritos e para que o ‘efecto BNG’ se note nas urnas igual que nas galegas do 2016 aconteceu co ‘efecto Pontón’, cando as enquisas prognosticaban 0-1 parlamentarios e se conseguiu grupo con seis escanos. "Percibimos incluso máis entusiasmo que naquel momento. Levamos percorridos milleiros de quilómetros na provincia e a xente empúxanos cunha enerxía que non lembro noutras campañas”, subliñou.
A candidata explicou que é necesario sumar no BNG todas as papeletas dos que lle queren a Galiza por ser a opción mellor situada para gañar o escano en disputa coa dereita na provincia de Pontevedra. Da Silva destacou que non se pode desperdiciar nin un só voto, motivo polo que instou a nacionalistas ou non, votantes habituais do Bloque ou non, a mobilizarse e xuntar os seus apoios na opción BNG, que ten valor duplo e é “a que máis lle doe á dereita cavernícola”.
“O noso primeiro obxectivo é dar voz ao pobo galego. Faremos que se fale de Galiza en Madrid sen submisión nin permiso de forzas estatais, pero tamén pararemos á dereita no Goberno do Estado, unha dereita que quere ir 40 anos máis para atrás do que xa nos levou o PP, e de onde Pedro Sánchez non foi quen de saír”, dixo en relación ás reformas laborais, á Lomce ou á Lei Mordaza, aínda vixentes.
Da Silva destacou que ningunha outra forza política exerceu a defensa de Galiza con máis firmeza e dignidade que o BNG durante a súa presenza nas Cortes xerais e indicou que nun contexto histórico como o actual, no que canarios, vascos, valencianos, cataláns terán representación é preciso sacar da irrelevancia ao noso país. “Urxe ter voz”, insistiu.
“Xa demostramos o que significa que o BNG estivese en Madrid ou non. Cando estivo o BNG no Congreso negociáronse orzamentos para Galiza. Que diferente era cando estivo Guillerme Vázquez e os demais compañeiros! En Madrid sabían que Galiza existe e tiñan que ternos en conta...”, subliñou, para engadir que nos últimos anos as necesidades dos galegos e galegas non estiveron atendidas.
“Galiza non estivo nin no discurso de investidura de Pedro Sánchez”, destacou, ao tempo que lembrou que os orzamentos previstos polo PSOE e Podemos-En Marea foron os peores dos últimos 17 anos.
Pola súa banda, o responsable comarcal do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez, acompañou a Da Silva na súa valoración da campaña e indicou que o Bloque ten reunido nos seus actos de campaña na comarca ata o de agora máis de 3.500 persoas, unha cifra que considerou “altísima para BNG”. “Palpamos que estamos en remontada”, insistiu, asegurando que é preciso mobilizarse e decantar cada voto para recuperar a voz de Galiza da man do BNG.