Senado

Carme da Silva solicitará a Sánchez o compromiso do Goberno para mellorar o sistema ferroviario na Galiza

Carme da Silva

O BNG emprega a súa primeira pregunta ao Presidente do Goberno na sesión do control do Senado co obxectivo de solucionar os problemas ferroviarios e impulsar a modernización do ferrocarril na Galiza

“Cal é o grao de compromiso do Presidente do Goberno para garantir un sistema ferroviario axustado ás necesidade da Galiza?” será a pregunta

Durante a primeira sesión de control á que asiste o Presidente do Goberno no Senado, a senadora do BNG, Carme da Silva, preguntará polo “grao de compromiso do executivo para garantir un sistema ferroviario axustado ás necesidades da Galiza”. Carme da Silva empregará a súa primeira pregunta ao Presidente para solicitarlle medidas efectivas para solucionar as carencias actuais do servizo, así como impulsar e modernizar o sistema ferroviario na Galiza.

O BNG decide empregar a súa primeira pregunta na sesión de control ao Presidente do Goberno para demandar compromiso, por parte do executivo, para garantir un sistema ferroviario na Galiza que se axuste ás necesidades do País. O vindeiro martes, 12 de marzo, a partir das catro da tarde, a senadora do BNG realizará a pregunta. “Cal é o grao de compromiso do Presidente do Goberno para garantir un sistema ferroviario axustado ás necesidade da Galiza?” será exactamente a cuestión que formulará.

“O sistema ferroviario galego precisa dunha fonda transformación que garanta unha atención axustada ás necesidades dos galegos e galegas. Precisamente un País como Galiza, con históricas reivindicacións en materia de  infraestruturas ferroviarias, debe ter o compromiso da Administración competente para solucionar as eivas e deficiencias actuais e impulsar a modernización da rede ferroviaria en Galiza” avanza Carme da Silva.

Entre as cuestións a tratar no marco ferroviario, a senadora do BNG adianta as necesarias actuacións para garantir a conexión interior da Galiza: “solucionar os continuos retrasos no servizo, implantar o servizo de proximidade ferroviaria que permita estabelecer frecuencias, liñas e unha política tarifaria atractiva e garantir a conexión entre as principais vilas e cidades galegas” enumera.

“O Goberno ten que aclarar o grao de compromiso que ten para executar a conexión ferroviaria con Portugal, unha cuestión estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza, e a inclusión no Corredor Atlántico da Galiza” afirma a senadora do BNG.