Carme da Silva: “Só será xusto un sistema de financiamento que teña en conta as diferenzas da Galiza”
A senadora de Galiza estréase na cámara alta defendendo un sistema de financiamento xusto para Galiza e camiñar cara a un modelo de fiscalidade xusto e redistributivo
A senadora por Galiza, Carme da Silva, intervén por primeira vez na cámara alta para defender un cambio no sistema de financiamento actual que remate coa discriminación que sofre a Galiza e avanzar nun modelo de fiscalidade máis xusto e redistributivo. Durante a sesión no Senado, da Silva demanda rematar co modelo de financiamento “caduco e obsoleto” das Comunidades Autónomas e entidades locais e ter en conta as características propias da Galiza. Así mesmo, rexeita o sistema fiscal “inxusto” e demanda camiñar cara a un modelo onde “os pratos rotos non os continúen pagando as maiorías sociais”.
“É necesario abrir o debate sobre o sistema de financiamento actual. Un modelo caduco, obsoleto e inxusto que debe dar paso a novos modelos de financiamento e fiscalidade que teña en conta a realidade socioeconómica de cada territorio e asegurando que pague máis quen máis ten. “
“Só tendo en conta o que nos diferencia se poderá acadar a igualdade real”
Galiza e os concellos galegos son especial e historicamente discriminados co actual modelo de financiamento. “Miren, cincuenta euros é o que deixan de recibir os concellos galegos por habitante sobre a media do Estado. Mais, a comparación cos concellos madrileños aínda é peor: mentres os galegos perciben 210€ por habitante, os da capital do Estado reciben 354€” denuncia da Silva.
Segundo relata a senadora galega, o modelo de financiamento actual “escapa de realidades como a galega, cun modelo de asentamento no que a poboación rural ten moito peso, e non ten en conta as características propias de cada territorio”. Fálase moito de avellentamento, do despoboamento do rural e, sen embargo, o actual modelo non ten en conta esta realidade. “Non se está a garantir o dereito a ter os mesmos servizos, as mesmas infraestruturas. Esa é a igualdade real da que falan vostedes?” preguntou retoricamente aos representantes das forzas estatais.
“E sobre o financiamento autonómico, máis do mesmo: discriminación con Galiza, déficit histórico en investimento –sobre todo en infraestruturas- e nos recursos para a prestación de servizos básicos” destaca.
Os pratos rotos non os poden seguir pagando as maiorías sociais
A senadora galega lembra que en 2011, PP e PSOE aprobaron unha modificación de urxencia “da sacrosanta constitución para favorecer a banca e o gran capital. En Galiza, por exemplo, estas medidas provocaron o éxodo de 300.00 mozos e mozas, “como se toda a poboación de Ourense fuxise”. Neste sentido, da Silva demanda esquecer as receitas do pasado para que “os pratos rotos non os continúen pagando as maiorías sociais” e defende camiñar cara un modelo “máis xusto e redistributivo”.
“Un modelo no que a banca e as eléctricas aporten, con carácter permanente os beneficios extraordinarios que obteñen asexando os recursos galegos por terra e por mar e que mesmo non tributan en Galiza” afirma Carme. Un modelo, continúa, oposto ao aplicado polo Partido Popular que “salva a más de 31.000 defraudadores a través da amnistía fiscal” e mesmo regala millóns na Galiza aos máis ricos a través de “pelotazos fiscais”.