Carme da Silva reclamará no Congreso garantías ambientais e participación cidadá para frear “o espolio e abuso eólico dos nosos montes”
Transferir as competencias en materia enerxética para que sexa Galiza quen deseñe o seu propio modelo, recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos, así como someter a revisión os parques aprobados e paralizar os máis lesivos foron algunhas das iniciativas contra o “abuso eólico” que a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, plantexou hoxe en A Estrada, onde se celebra a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional que se ve ameazada polo espolio das eléctricas.
Despois de asistir ao curro da mañá, mentres Feijóo “toreaba no coso de Pontevedra”, a nacionalista amosou o seu apoio ás reivindicacións da Asociación da Rapa das Bestas –nomeadamente ao presidente Paulo Vicente Monteagudo-, colectivo que sostén que a iniciativa industrial corta pola metade a zona na que se realiza a tradicional ‘baixa’ dos animais dende o monte cara a Sabucedo, cun gran impacto sobre o espazo forestal que dende hai séculos é hábitat para estes cabalos salvaxes non só polos aeroxeneradores, senón tamén polas infraestruturas asociadas a estes.
Acompañada do responsable comarcal do Bloque Xan Blanco, do candidato ao Senado Xoán Reices, a concelleira Vanesa Iglesias e a militante Raquel Lopes Doce e Calros Enxamio, Da Silva compartiu o rexeitamento do BNG da desfeita ambiental que supón o aproveitamento eólico na zona, de maneira específica polo proxecto Porto Vidros e o parque eólico de Campo das Rosas, que acaba de ser aprobado tras a súa publicación no DOG e que se complementa con outros semellantes nas inmediacións e salientou a necesaria paralización cautelar.
A nacionalista criticou que o proxecto sexa declarado de utilidade pública cando en materia de enerxía eólica “estableceuse a lei da selva, xa que as direccións das eólicas desfán o medio galego e cren que poden poñer os seus muíños en calquera lugar só buscando o seu beneficio”.
Sinalou como responsables desta situación a todos os gobernos e engadiu que neste tema tanto PP coma PSOE están de acordo ao 100%. “E por que? –preguntouse- Pois porque están nos consellos de administración das eléctricas e funcionan como meras correas de transmisión”.
Ante esta situación Da Silva apuntou que é preciso “frear este ‘boom’ eólico depredador, este espolio, xa que non ten un deseño pensado dende os intereses de Galiza, senón dende os intereses de Madrid. E non somos a súa colonia enerxética!”, salientando que o BNG é a única garantía de que se porán por diante os intereses do país.
“Dende o BNG queremos unha planificación que respecte o noso medio rural, a nosa biodiversidade, o noso patrimonio, os intereses do país e non só pensada pola ‘rapiña’ das eléctricas, porque isto é un escándalo”, dixo en relación aos parques eólicos que se pretenden instalar na zona de Sabucedo. “As eléctricas camúflanse falando de medio ambiente e dicindo que son as máis ecolóxicas. E iso é un ‘timo verde’. Hai que parar o ‘boom’ depredador e cambialo por un modelo respectuoso. Acabar co espolio eléctrico e poñer en marcha un servizo de enerxía ao servizo da sociedade, quitar poder ás eléctricas e darllo á xente dunha maneira racional”.
Segundo subliñou a candidata, fronte ao desleixo e connivencia do PP e PSOE coas grandes empresas eléctricas, amosado dende os concellos, a Xunta e o Estado, o BNG ten demostrado coas accións municipais e no Parlamento galego e español a súa clara posición “pola defensa e desenvolvemento dos nosos montes”. Asegurou que agora, o vindeiro 23X, é o momento de que esa defensa se multiplique no Congreso cun grupo galego forte que defenda os intereses de galegos e galegas e, nomeadamente, poña freo ao abuso eólico esixindo máis poder de decisión para Galiza e a súa veciñanza.
Insistiu en que é preciso transferir dende o Estado as competencias en materia enerxética (planificación, ordenación, redes de transporte e distribución, xestión da oferta/demanda e impulso dun modelo descentralizado e de proximidade) e alcanzar o compromiso para que sexa preceptivo o acordo coas comunidades autónomas nos plans de ámbito estatal e nas negociacións supraestatais.
Así mesmo, insistiu na recuperación das garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos, rectificando as medidas que permiten ás grandes enerxéticas decidir onde instalan os seus parques e microparques eólicos sen control e sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental e sen participación cidadá.