Carme da Silva reclama unha Axencia Tributaria Galega que permita a Galiza responsabilizarse dos seus recursos
A cabeza de lista do BNG reivindicou unha maior xustiza fiscal e criticou que galegas e galegos teñan que pagar o IBI “por cada galpón” mentres a AP-9 goza dunha bonificación do 95%
Dixo que PP e PSOE só reclaman os fondos do Estado para o país cando non gobernan en Madrid: “Teñen a mesma política fiscal para Galiza”
A cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, reclamou hoxe en Pontevedra un concerto económico para Galiza, e a creación dunha Facenda Galega Propia e dunha Axencia Tributaria Galega que posibiliten que galegas e galegos “nos responsabilicemos dos nosos recursos” e “os invistamos nas necesidades prioritarias para o país”. A nacionalista tamén reivindicou unha maior xustiza fiscal: que as empresas e industrias ubicadas en Galiza tributen na Galiza e que se persiga o fraude a tódolos niveis.
Segundo explicou Da Silva, o problema do financiamento autonómico da Xunta, de que cheguen dende Madrid os recursos para facer investimentos e dotar de servizos axeitados a Galiza (sanidade, educación, benestar social…) repítese ano tras ano. Destacou, de feito, que o debate dos 700 millóns de euros que o Estado lle adebeda ao país nestes momentos estaría resolto coa fórmula do concerto e da Facenda propia que propón o BNG, xa que Galiza recadaría os seus impostos e despois trasladaría ao Estado os recursos necesarios para exercer as súas competencias propias -como as relacións internacionais-.
Un dos argumentos que sostén a súa reclamación é que as rendas que chegan ao Estado dende Galiza proceden fundamentalmente do IVE e do IRPF recadados na propia Galiza. “Son recursos e impostos que se xeran aquí e non é lóxico que ano tras ano haxa que estar rogándolle ao Estado que envíe os recursos necesarios para facer investimentos e dotar de servizos”, subliñou. Amais, Da Silva sinalou que os recursos que se xeran non veñen de volta, xa que o Estado central ingresa máis por impostos en Galiza do que despois retorna ao país na “devolución” deses impostos.
Tributar na Galiza por realizar a actividade na Galiza
Un dos puntos chave que sinalou Carme da Silva é que hai moitas impresas que tendo en Galiza a súa actividade e ubicación non están a tributar no país. “De mudar esa situación –dixo- teriamos máis ingresos dispoñibles e ademais poderiamos responsabilizarnos deles, xa que quen mellor ca nós para coñecer as nosas necesidades”.
Para ilustrar o ‘espolio’, Da Silva puxo o exemplo das eléctricas. Indicou que sacan recursos de Galiza con produción de enerxía mentres galegas e galegos sofren as tarifas máis caras do Estado: “Non é lóxico que non tributen no país e xeren aquí os ingresos da súa actividade”.
A persecución real do fraude foi outro dos puntos que Da Silva puxo sobre a mesa. Fixo fincapé en que non hai que perseguir exclusivamente as pequenos infractores e infractoras e ir ao peto de pequenos contribuíntes, traballadores ou autónomos, senón que instou a perseguir o grande fraude fiscal e a ter unha tributación xusta, poñendo en evidencia a situación da AP-9.
Da Silva lembrou que a autoestrada é “unha das estafas máis grandes que temos neste momento en Galiza, xa que pagamos as peaxes ano tras ano cada vez máis caras mentres a empresa presume cada ano de incrementar os beneficios. Debería estar transferida a Galiza e tería que tributar correctamente”, dixo, para explicar que nestes momentos ten unha bonificación do IBI do 95%. “É profundamente inxusto que á xente se lle faga pagar IBI por calquera galpón e a AP-9, que é unha estafa ás galegas e galegos, teña unha bonificación do 95%”, insistiu.
“Queremos responsabilizarnos dos nosos recursos, dos ingresos que se xeran en Galiza, unha maior xustiza fiscal para que non pasen escándalos como o da AP-9, e que as empresas e industrias que están ubicadas en Galiza tributen en Galiza”, afirmou. Engadiu que “calquera persoa pensa que o seu salario é mellor que llo ingresen na súa nómina e facerse responsable dos seus recursos, a que llo ingresen na nómina dun veciño que está a 600 quilómetros e que lle vaia dando aos poucos o que considera que precisa e se lle quede cunha parte. Iso é o que está a pasar”, denunciou.
Así mesmo, Da Silva tamén quixo deixar claro que de forma repetitiva estase a dar unha situación: “cando goberna o PP en Madrid Núñez Feijóo aquí está calado e non reclama nada e o PSOE reivindica… E cando goberna o PSOE en Madrid é ao revés. Que quere dicir isto? Pois que ás forzas políticas estatais dá igual cales sexan, teñen a mesma política fiscal cara a Galiza”. Por este motivo, a cabeza de lista do BNG instou a todas as persoas cabreadas coa “política madrileña” a que o vindeiro 10N poñan Galiza como centro da súa decisión e apoien ao BNG, a única forza, dixo, “que ten o seu corazón no país e que o defende sen ataduras”.