Carme da Silva pon entre as prioriridades do BNG no Congreso a recuperación do litoral do Morrazo
A cabeza de lista do BNG criticou que as forzas estatais ignoren a comarca e reivindicou unha axenda propia en Madrid na que se reclame a gratuidade da peaxe da AP-9 e a mellora das cotas de pesca
A cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe en Moaña que “co BNG no Congreso despois do 28 de abril a recuperación do litoral do Morrazo será unha prioridade”. A nacionalista reivindicou a necesidade dunha axenda propia para a comarca en Madrid na que se inclúan os temas vitais para o desenvolvemento económico da zona, tales como a gratuidade da peaxe da AP-9 e a mellora das cotas de pesca, “algo que só será posible –dixo- se o BNG está presente para facer fronte á discriminación das forzas estatais”.
Segundo explicou Da Silva, o obxectivo destas eleccións é que Galiza recupere a súa voz, e puxo Moaña como exemplo moi claro do que significa que haxa presenza ou non do BNG nas Cortes. Lembrou, así, a realización do proxecto de recuperación ambiental do areal da Xunqueira, coa retirada do campo de fútbol e a protección do sistema dunar, levada adiante cando había deputados e deputadas do BNG en Madrid.
Como contrapunto falou da iniciativa de recuperar a enseada de Meira, que quedou no limbo e sen defensa a pesares de estar aprobada ao non obter representación. “Paralizouse pola falta de voz galega, a do BNG, no Congreso – dixo- porque os 23 deputados e deputadas que estiveron na última lexislatura por circunscricións galegas non tiñan como prioridade as necesidades do país”.
“O Morrazo non se entende sen as rías saneadas, recuperadas e postas en valor. É obxectivo prioritario para o BNG coa súa presenza nas Cortes ter capacidade para decidir tendo en conta que non vai haber maiorías absolutas para que os investimentos que Galiza e que O Morrazo necesita vaian para adiante. Desta maneira poderase desenvolver todo o seu potencial económico, turístico e pesqueiro”, salientou.
Da Silva destacou que hai outra prioridade para o BNG que afecta á calidade de vida da veciñanza da comarca: a eliminación da portaxe da AP-9, que cualificou como “unha sangría absoluta e un espolio na vía máis importante de comunicación de Galiza”. A nacionalista destacou que a carestía da portaxe está a desviar tráfico á estrada N-554 convertendo en insoportable e inasumible a situación para a veciñanza do concello de Vilaboa, tanto polo aumento do tránsito como pola falta de seguranza viaria.
A solución, dixo Da Silva, sería transferir a AP-9 a Galiza e quitar as peaxes ‘salvaxes’, algo que ao seu entender non ten escusas xa que onte mesmo se transferiu a Euskadi a AP-68. “Por que se fixo alí? –preguntouse- Porque os nacionalistas vascos teñen capacidade para negociar e unha prioridade clara. Mentres, aquí, as forzas políticas do Estado, tanto o PP como PSOE con Podemos e En Marea, deixaron que a AP-9 unha vez e outra quedase metida no caixón e non se fixesen nin as transferencias nin se liberase a peaxe”. Lembrou que tanto PP como PSOE non tiveron ningún problema en aportar miles de millóns en rescatar as radiais madrileñas, polo que insistiu en que “ten que haber unha voz, ten que estar o BNG no Congreso, para que os asuntos que nos afectan e que para as forzas políticas españolas non lle importan nada sexan unha prioridade”.
A cabeza de lista puxo un último exemplo de que as forzas estatais non defenden os intereses galegos coa situación das cotas de pesca. Subliñou que é “un auténtico escándalo” que o Estado e a Unión Europea coa conivencia absoluta da Xunta de Galicia deixen aos barcos galegos sen cota para pescar a xarda cando Galiza é unha nación altamente dependente da pesca. “Que acontece? –volveu cuestionarse- Pois que no Estado español a pesca non é un sector estratéxico, nin España é un Estado dependente da pesca. Galiza si é unha nación dependente da pesca, por iso aí tamén necesitamos presenza para ter capacidade de decidir, que teñamos cotas da xarda e que non deixen aos nosos barcos amarrados cando teñen capacidade para pescar”.
Da Silva subliñou que o BNG está a traballar con moita ilusión cara as xerais do 28A,cunhas equipas formidables, co respaldo do labor que antes fixeron as deputadas e deputados do Bloque, e tamén co respaldo do bo facer que teñen os alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras “que demostran día a día que onde hai capacidade de decidir e de tomar decisións que benefician aos veciños e veciñas así o facemos”. Para finalizar, a cabeza de lista do BNG asegurou que na provincia de Pontevedra “o Bloque está ‘lanzado’ porque sabemos que a partir do 28 de abril Galiza vai recuperar con nós a súa voz coa presenza nas Cortes do Estado’.
Da Silva presentou a candidatura do BNG acompañada polas tamén integrantes da lista Jessica Souto e Daniel Rodas -aos que se suman tamén Iria Villar e Paulo Ríos pola comarca do Morrazo- e da man das candidatas ás alcaldías da zona Félix Juncal, Ornela Fernandez, Lucía Santos e Leticia Santos.