Carme Da Silva pide concentrar no BNG o voto de todas as persoas que lle queren a Galiza e están fartas da discriminación das forzas centralistas
A cabeza de lista polo BNG en Pontevedra instou hoxe no mitin de campaña en Redondela a galegas e galegos a votar o 23X en clave de país e coa “cabeza e o corazón en Galiza” para facerse respectar en Madrid da man dun grupo forte galego forte nas Cortes. A nacionalista pediu xuntar no BNG o voto de toda a xente que acredita no futuro e lle quere a Galiza “farta de tanta discriminación e ninguneo” por parte das forzas estatais.
“O voto ao BNG é un voto co que gaña Galiza”, salientou a nacionalista, “porque gañamos en peso, gañamos en voz, gañamos en posibilidades de poñer solución aos nosos problemas e tamén é un voto que serve para frear a esa dereita”, destacou, salientando que preocupa ver como na campaña non se lle está a plantar cara ao que significa a extrema dereita e se permite o blanqueamento dunha extrema dereita que “é racista, xenófoba, e fondamente antigalega”, dixo.
“Este é o momento de Galiza, por moito que as forzas estatais pensen que todo empeza e acaba no quilómetro cero de Madrid; por moito que Sánchez e Feijóo queiran reducir a campaña a unha xira televisiva para facer terapia bipartidista”, asegurou, criticando que non se acepten debates entre as líderes galegas porque “non teñen nada que dicir”. “Non queren debater aquí porque o único que porán de manifesto é que non lles interesa Galiza, que non teñen proxecto para o noso país”.
Da Silva destacou que o BNG é a única forza coas mans libres para defender as causas galegas, desde un tren do século XXI a unha tarifa eléctrica, desde o corredor atlántico a políticas que creen industria, desde investimentos xustos á creación de máis xulgados de violencia de xénero.
En concreto, en relación a Redondela, a futura deputada salientou que é preciso seguir a traballar e condicionar as políticas do estado con máis forza e un grupo galego forte eliminando peaxes e facendo que a AP-9 sexa galega e pública. Neste sentido destacou que houbo pequenos avances grazas ao empuxe do BNG, coa gratuidade para os viaxes en 24 horas entre Rande e Vigo, pero subliñou que é preciso que a eliminación da peaxe sexa extensiva e universal. “Queda moito por facer e iso só chegará da man do BNG cun grupo galego forte en Madrid”, insistiu.
Tamén falou a candidata da necesaria instalación de pantallas acústicas para a redución do ruído e a adaptación da infraestrutura á contorna, así como da mellora das vías afectadas pola AP-9, que levan anos sendo unha demanda e que non se dan cumprido. “Hai que ter cara para ás portas das eleccións xerais vir prometer unha vez máis á veciñanza algo para o que levan facendo oídos xordos tanto tempo dende o Goberno”, salientou a nacionalista, en relación ao anuncio dos contratos para estas actuacións realizados recentemente.
No mitin de Redondela participaron o tamén candidato ao Congreso Brais Ruanova; Xoán Carlos González, portavoz municipal do BNG de Redondela; e María Xosé García, candidata ao Senado, quen falou da “non reforma laboral”, da necesidade dun tren de proximidade, da falta de seguranza viaria nas estradas que cruzan Redondela (rotonda dos Valos), do impacto da Autoridade Portuaria, e da transferencia da antiga Casa do Mar, entre outras cuestións da axenda da vila que se levarán ao Congreso.