Carme da Silva esixe ao Goberno do Estado que Elnosa recupere ambientalmente os terreos de Lourizán
A recuperación dos 12.000 metros cadrados que ocupa Elnosa nas marimas de Lourizán “ten que ser unha prioridade”. Así o indicou rotundamente hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, nun encontro con representantes da Plataforma dos Praceres, ante os que instou ao Goberno do Estado a esixir “de inmediato” ao grupo Bondalti –propietario de Elnosa- a recuperación ambiental dos terreos da pechada fábrica de cloro.
Segundo lembrou Da Silva, o Ministerio de Transición Ecolóxica declarou oficialmente a caducidade da concesión en decembro do ano pasado, e dende entón a empresa, responsable da recuperación, non deu movementos oficiais firmes. “Estamos preocupados porque caducou a concesión e a empresa parece que non presentou aínda o proxecto necesario para a recuperación dos terreos, a súa restitución e a incorporación ao espazo público. O tempo está a correr e hai que actuar de inmediato”, subliñou a nacionalista.
De feito, dixo Da Silva, aínda que xa se retiraron algunhas máquinas e dependencias da factoría, quedan estruturas por demoler e, o máis importante, realizar a intervención ambiental para a limpeza da parcela tendo en conta o estado dos terreos e as súas afeccións. Para iso, lembrou, é preciso deseñar e aplicar un proxecto específico que segue en fase de “presentación e estudio” a pesares de ter pasado case ano e medio dende que a cloreira deixou de producir, en xullo de 2018.
Por esta “parálise”, a nacionalista subliñou que é fundamental que o BNG estea no Congreso: “Para presionar e acelerar cuestións coma esta, obrigando a que o Goberno non se poña de perfil e que a recuperación da ría sexa prioritaria, que estea sobre a mesa, sendo escrupulosos para que os trámites administrativos se cumpran. É preciso que eses terreos se incorporen coas máximas garantías de novo ao dominio público e vemos que non hai pasos adiante, mais urxe a recuperación e a reversión”, apuntou.
Amais, a candidata lembrou a coherencia do BNG, “que sempre tivemos a mesma postura, e sempre que o BNG tivo presenza no Congreso alí levou a voz de pontevedreses e pontevedresas en defensa da súa ría”, subliñou.
Da Silva salientou que a saída de Elnosa foi unha victoria da sociedade pontevedresa, que presionou e puxo batalla social, pero tamén froito das actuacións institucionais e xudiciais sobre todo do Concello de Pontevedra, postura que contrapuxo á estratexia do PP de intentar autorizar a continuidade da electroquímica en Lourizán, e doutros posicionamentos “tibios”.
De cara ao futuro, Da Silva indicou que é preciso seguir presionando dende todos os niveis tamén en canto a Ence. De feito, manifestou o seu convencemento de que a sociedade pontevedresa merece unha ría totalmente saneada e recuperada ao igual que foi posible noutras zonas do Estado con áreas industriais próximas a núcleos urbanos. Puxo así o exemplo de Bilbao, onde nos anos 80 a contorna do Nervión era “pouco menos que unha cloaca” e agora, coa industria trasladada, “é un espazo de calidade de vida para a veciñanza”.
A cabeza de lista realizou todas estas consideracións nun encontro mantido esta tarde con representantes da Plataforma dos Praceres, cos que ademais tratou outros temas de interese para a zona.