Carme da Silva pedirá o apoio do Senado para a retirada dos Plans de Ordenación da Eólica Mariña
A iniciativa está apoiada polo informe emitido polo Tribunal de Contas Europeo sobre Enerxía Renovábel Mariña na Unión Europea, coincidente co informe do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña
“Non estamos dispostas a que, máis unha vez, sexa sacrificada a pesca galega e o noso litoral en favor de grandes multinacionais” asevera a senadora do BNG
Debaterase a vindeira semana na Comisión de Transición Ecolóxica da cámara alta
A senadora do BNG, Carme da Silva, leva a debate e votación unha iniciativa para reclamar a retirar inmediata dos POEM (Plans de Ordenación dos Espazos Mariños) aprobados polo Goberno do Estado e que non tiveron en conta o grave prexuízo que suporía para o sector pesqueiro galego. Así mesmo, procurará o apoio do resto de grupos para que a iniciativa saia aprobada en coherencia co exposto e recomendado polo Informe Especial do Tribunal de Contas Europeo sobre Enerxía Renovábel Mariña na Unión Europea.
O BNG ten reclamado a través de distintas iniciativas –tanto no Parlamento de Galiza como na pasada lexislatura no Congreso- a “retirada dos POEM aprobados polo Consello de Ministros e Ministras”. Precisamente, lembra a senadora nacionalista, o BNG argumentou daquela que a aprobación destes Plans “levouse a cabo sen ter información das consecuencias que a instalación de parques eólicos mariños poden ter sobre a biodiversidade e os ecosistemas mariños e sen ter en conta a afectación que suporá para o sector pesqueiro galego”.
“Lamentabelmente, estas demandas do BNG, que son tamén reclamacións propias do sector pesqueiro e de múltiples colectivos na defensa ambiental, non foron tidas en conta polo Goberno do Estado” subliña Carme da Silva. Ante esta situación e após coñecer o informe emitido polo Tribunal de Contas Europeo, a senadora do BNG pedirá o apoio da cámara alta para exixir a retirada dos POEM posto que, segundo explica, o documento europeo avala o posicionamento mantido pola organización nacionalista e dá maior valor á petición unánime do sector pesqueiro galego.
O Tribunal de Contas Europeo examinou, no informe do pasado 5 de xullo de 2023, se a Comisión Europea e os Estados membros promoveron o desenvolvemento sustentábel da enerxía renovábel mariña. Nas súas conclusións e recomendacións, o órgano europeo sinala tres puntos chave: as accións levadas a cabo serviron de apoio a esta enerxía máis supón un reto garantir a súa sustentabilidade social e ambiental; a ordenación facilitou a asignación de espazos mais non resolveron os conflitos derivados da súa explotación; e as repercusión socioeconómicas deste desenvolvemento non se estudaron con suficiente profundidade e aínda teñen que resolverse numerosos aspectos ambientais.
O informe tamén recolle, sinala Carme da Silva, que a implantación da eólica mariña suporá unha redución progresiva do acceso a zonas de pesca e, no referido ao emprego, recolle que existe o risco de que se perdan postos de traballo no sector pesqueiro xa que “hai poucos estudos sobre as implicacións socioeconómicas do desenvolvemento destas tecnoloxías”.
“O documento emitido polo organismo europeo, ademais de darnos a razón, coincide con distintos puntos no informe realizado polo Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña que serviu de apoio á impugnación do Real Decreto no que se aprobaban os POEM” recorda a senadora do BNG. Evidénciase, polo tanto, que os principios de cautela e precaución respecto da preservación dos ecosistemas mariños non se tiveron en conta ou que, por exemplo, non se analizaron os impactos ambientais, sociais e de sustentabilidade que exixe a legalidade vixente.
Neste sentido, a frente nacionalista tamén demandará o apoio da cámara alta para instar o Goberno a solicitar da Comisión Europea o respecto e cumprimento do contido no dito Informe, nomeadamente no referido á sustentabilidade da enerxía renovábel mariña dende o punto de vista socioeconómico, medioambiental e da defensa do sector pesqueiro.