Carme da Silva: “A papeleta do Bloque serve para defender o país fronte ás forzas estatais e as súas decisións contra galegas e galegos”
“Temos que facernos valer e darlle futuro a Galiza”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, quen instou dende o mitin de Marín a xuntar o vindeiro domingo todo o voto de país no Bloque “para facernos valer como galegos e galegas e darlle futuro a Galiza poñéndoa no mapa político do Estado”.
“Dende o BNG invitamos a todos galegos e galegas a que o 10N vaian votar e collan a papeleta do BNG, porque esa papeleta sirve para defender Galiza e ter máis peso, máis voz, e máis oportunidades de resolver os nosos problemas dende unha visión de país”, deixando de lado así as decisións das forzas estatais contra galegas e galegos.
Da Silva destacou que despois das eleccións do 28 de abril foi moitas persoas “ás que lle quedou pena” de que Galiza e o BNG non conseguiran escanos por apenas un puñado de votos, por iso pediu a esas persoas que analicen o que aconteceu nos últimos seis meses, “co comportamento frívolo dos partidos madrileños sen chegar a acordo de goberno”, e dean unha oportunidade a Galiza da man do BNG”.
“Non vale con cabrearse coa frivolidade das forzas madrileñas, hai que ir a votar, facer algo diferente e pensar coa cabeza e co corazón que o mellor para Galiza e devolverlle unha voz propia no Congreso, algo que só pode facer o Bloque”, salientou.
O BNG, reivindicou a nacionalista, “é unha forza seria que resolve os problemas das galegas e dos galegos e non vai defraudar a ninguén”. Subliñou que “debemos confiar en nós mesmos como país para sacar o noso futuro adiante porque non nolo van arranxar dende Madrid se nós, con representación propia, non estamos alí”, dixo lembrando que cando o BNG tivo representación no Congreso conseguíronse os mellores orzamentos da historia para Galiza, mentres que dende que saíu da Cámara Baixa a meirande parte dos proxectos están no caixón.
En canto a temas concretos, Da Silva falou en Marín da necesidade de poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade adoptando medidas urxentes como o saneamento das rías galegas e a xestión propia dos portos de interese xeral. Da Silva destacou que o BNG defenderá no Congreso a elaboración dun Plan de rexeneración integral das rías galegas. Subliñou a potencialidade da ría de Pontevedra cando Ence saia da súa ubicación actual, onde o marisqueo e a calidade dos produtos obtidos podería multiplicarse.
Insistiu tamén na alta dependencia que Galiza ten do sector pesqueiro e subliñou que é preciso ter capacidade propia para negociar os seus intereses –por exemplo, as cotas- en función da súas posibilidades produtivas, e non en función do equilibrio que as forzas políticas estatais buscan ter con outras zonas do Estado español.
Finalizou asegurando que só unha forza galega como o BNG ten demostrado “lealdade aos intereses da nosa xente do mar” fronte á discriminación á que nos teñen relegado os gobernos central e europeo e pediu á xente do mar e a toda a cidadanía xuntar o voto de país no BNG .