Senado

Carme Da Silva: “Ourense precisa e merece infraestruturas que permitan o impulso industrial e avanzar nunha cidade para todas”

Encontro Ourense

Carme da Silva presenta varias iniciativas demandando ao Goberno do Estado actuacións estratéxicas que permitan garantir o desenvolvemento socioeconómico e a protección ambiental de Ourense

Noa Presas pon en valor o traballo da senadora nacionalista “que exerce como senadora por Ourense” para sacar da parálise a esta parte do País “que as forzas estatais a tiñan sometida”

A senadora do BNG, Carme da Silva, visita a cidade de Ourense para presentar varias iniciativas onde solicita da implicación do Goberno do Estado para garantir o desenvolvemento social e económico da cidade, a través de proxectos estratéxicos. Da Silva comprométese a defender o futuro da cidade de Ourense e pedirá ao executivo estatal dun maior compromiso para impulsar actuacións tan demandas como o saneamento do Barbaña e a construción da EDAR de San Cibrao, o traslado da estación de mercadorías ao Polígono e asegurar que a construción da variante exterior non prexudique ao conxunto da veciñanza, en especial aos veciños de Peliquín nin aos de Seixalbo.

A senadora estivo acompañada polo portavoz municipal do BNG na cidade de Ourense, Luis Seara, o portavoz na Deputación, Bernardo Varela, e a deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Noa Presas. Esta última, puxo en valor o traballo que está a realizar a senadora nacionalista nas Cortes que “exerce como senadora por Ourense para garantir que todas aquelas cuestións que foron incumpridas e abandonadas polas forzas estatais saian adiante”.

Para o BNG, sinala Presas, son cuestións que forman parte do traballo político da organización sendo o reequilibrio territorial unha cuestión prioritaria. “Precisamos que desde Madrid se desbloqueen infraestruturas que son absolutamente estratéxicas e seguiremos presionando desde as Cortes e coa forza que temos nos concellos, na Deputación e mesmo coa representación reforzada que temos no Parlamento Galego” afirma.

“Ourense precisa e merece infraestruturas que permitan o impulso industrial e a avanzar nunha cidade para todas. Mais, para este obxectivo, o Goberno do Estado ten tamén a responsabilidade de levar a cabo unha serie de actuacións fundamentais para fomentar e contribuír o desenvolvemento social e económico” afirma a senadora do BNG.

A senadora nacionalista desenvolve a principais cuestións obxecto de iniciativas parlamentarias que vén de rexistrar para solicitar o compromiso do executivo estatal fronte, di Carme, dun goberno galego e un goberno local “submisos e inoperativos”.

Saneamento do Barbaña e construción da EDAR de San Cibrao

O proxecto de finalización do saneamento do Barbaña e mellora da EDAR de San Cibrao acumula unha sucesión de retrasos na súa tramitación. De facto, lembra a senadora do BNG, leva xa sete anos agardando ver a luz e agora, coa aprobación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) sofre un novo retraso debido a que se ten que adaptar o proxecto. “Entendemos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica debe asumir o compromiso de licitar este proxecto neste mesmo ano, en 2024” subliña da Silva.

“Esta infraestrutura é imprescindíbel para os polígonos industriais e os núcleos de Paderne e Taboadela. Ourense non pode continuar agardando pola nova EDAR e o saneamento do río cando o Barbaña está a soportar unha presión contaminante moi elevada e que supón un grave impacto ambiental” demanda a senadora. Neste sentido, Carme da Silva reclama ao Goberno do Estado executar esta infraestrutura, tan necesaria para Ourense, sen que se produza outra demora máis.

A entrada do AVE en Ourense

A construción da variante exterior está a causar varias queixas en diversos puntos do termo municipal de Ourense que foron recollidas polo BNG e trasladadas ao Goberno do Estado e, concretamente, ao Ministerio de Transportes. “Vemos como a veciñanza de Peliquín está a rexeitar desde hai meses -anos podería dicirse xa- o proxecto de ADIF para a construción dun paso elevado destinado só ao tránsito de viandantes” denuncia a senadora do BNG.

Un proxecto que, ademais, dividiría o barrio de Peliquín pola construción dunha barreira arquitectónica mentres que “poden existir outro tipo de alternativas como a presentada a pasada semana pola AVV de Peliquín” que evitarían o illamento e permitirían a integración plena do barrio. “Rexistrar xa iniciativas na pasada lexislatura e, coa presentación do proxecto defendido pola veciñanza volvemos a rexistrar novas. O Ministerio debe manter unha reunión coa veciñanza e estar disposto a escoitar a súa proposta” reivindica Carme da Silva.

“A permeabilidade da cidade debe ser unha prioridade para o Goberno do Estado, así como para o Concello de Ourense. O proxecto aprobado por ADIF vai na dirección contraria do que se está a facer noutras partes do Estado e do mundo” sinala.

Por outra parte, Carme da Silva presenta iniciativas para que o Goberno do Estado minimice os danos que están a causar as obras de construción da variante desde o túnel de Rante até Seixalbo. “ADIF e o Goberno deben repor os danos causados polas obras tanto en bens particulares como nas infraestruturas e bens públicas. As obras están causando danos en fincas e vivendas, na rede de camiños, nas infraestruturas para o abastecemento da auga e nos regatos” subliña.

Impulso do sector industrial co traslado da estación de mercadorías

Así mesmo, Carme da Silva lembra a posición do BNG a respecto do traslado da estación de mercadorías ao Polígono Industrial de San Cibrao. Unha demanda, compartida polo tecido empresarial, estratéxica para o impulso da industria en Ourense “que foi froito de diversas iniciativas e que volveremos a introducir na axenda política para contribuír e favorecer o desenvolvemento socioeconómico de Ourense”.