Carme da Silva insta a confiar no BNG o 10N para que os investimentos en Galiza volvan ser unha realidade

Poio

A cabeza de lista reclamou hoxe en Poio a recuperación da ría, a construción dunha senda peonil entre San Salvador e A Barca, e a recuperación de Tambo para uso público

Lembrou que só cando o Bloque está en Madrid suben os orzamentos para o país xa que ao non haber maiorías absolutas pode condicionar as políticas estatais

Ao pé da ría de Pontevedra, na praia da Cabeceira de Lourido, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra Carme da Silva reivindicou hoxe a recuperación da ría de Pontevedra e da costa litoral de Poio dentro do dominio público marítimo terrestre. En concreto, a nacionalista exixiu a finalización do paseo de Lourido ata a ponte de A Barca, así como tamén a recuperación para uso público da Illa de Tambo e a súa incorporación dentro do parque das Illas Atlánticas. 

A candidata destacou que esas van ser reivindicacións do BNG alí onde teña representación. “Queremos rexenerar as rías galegas, rexenerar a costa do Concello de Poio, e gozar dela como é debido”, dixo, instando ás persoas que “queren realmente a Galiza, que queren realmente a Poio e que confían no BNG en Poio”, a que tamén confíen no Bloque Nacionalista Galego o 10 de novembro nas eleccións xerais para conseguir que obxectivos “tan sensatos coma estes” sexan unha realidade.

Da Silva lembrou o BNG conseguiu no 2009 incluír unha partida económica para redactar un proxecto de acondicionamento e construción dunha senda peonil entre A Barca e San Salvador nas aplicacións orzamentarias do departamento de Costas do Estado, coa intención de conectar dúas áreas recreativas construídas sobre recheos de marismas. Subliñou que a proposta só avanzou mentres o BNG tivo representación no Congreso “e cando o BNG deixou de tirar, parou”. 

De feito, explicou que a iniciativa se paralizou definitivamente no ano 2015, xusto cando o Bloque deixou de ter representación en Madrid. “No 2009 o BNG negociou a partida porque tiña capacidade e non había maiorías absolutas. De feito, ese ano conseguíronse os investimentos máis altos que nunca houbo para Galiza”, dixo. Explicou, así mesmo, que ao non executarse a aplicación orzamentaria o BNG seguiu insistindo ata volver incluíla como unha emenda aos orzamentos estatais do ano 2015. 

“Despois pasou o que pasou, repetíronse as eleccións en 2016, e seguimos con gobernos que pactaron uns orzamentos -PSOE e Podemos- que non incluíron ese investimento e como tampouco moitos outros que había para Galiza”, criticou. 

 Da Silva foi clara e tallante e afirmou que galegas e galegos deben ter claro que “cando o BNG está en Madrid para tirar dos investimentos e das necesidades de Galiza avanzan, e cando o BNG non está, non”. Por iso pediu a confianza á xente para que a partir do día 10, da man do BNG ,“que estea Galiza e que estes investimentos volvan ser unha realidade, porque sen maiorías absolutas nós imos utilizar a nosa representación no Congreso para esixir que os investimentos para Galiza sexan os axeitados”.

 A nacionalista tamén subliñou a necesidade de recuperar para uso público a Illa de Tambo, algo que cualificou de “imprescindíbel”, xa que  o Concello de Poio amosouse disposto a facer unha xestión municipal do espazo. “Así poderiamos gozala todos os veciños e veciñas e persoas que nos visiten”, indicou, para argumentar, amais, que o normal é que formase parte do parque das Illas Atlánticas xa que é unha das illas que están “nas nosas rías”.