xerais 2023

Carme da Silva esixirá no Congreso a creación dun xulgado exclusivo de violencia machista en Pontevedra

Pontevedra

A candidata destaca que o BNG será o dique de contención contra “a dereita que vai de ganchete con Vox e que pretende borrar ás mulleres”

Plantexou un paquete de medidas: aumentar os fondos do Pacto de Estado e axustalos á realidade galega, introducir na lexislación o termo feminicidio e impulsar mecanismos de xeolocalización do agresor 

“Fundamentais, irrenunciables e fulcrais”. Así cualificou hoxe a candidata do BNG por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais do 23X, Carme da Silva, as medidas necesarias para loitar contra a violencia machista que o Bloque proporá en Madrid tan pronto como se constitúa o Congreso dos deputados e deputadas, entre elas un xulgado exclusivo en Pontevedra e máis fondos estatais. A cabeza de lista destacou que o BNG, cun grupo galego forte, será garante “de facer de dique de contención contra a dereita de ganchete coa extrema dereita de Vox que pretende borrar ás mulleres e instaurar na sociedade que a violencia machista non existe”.

Acompañada de representantes institucionais e orgánicas do BNG, así como de militantes e simpatizantes, Da Silva asegurou diante da Audiencia Provincial en Pontevedra que “as mulleres estamos fartas de minutos de silencio e de ser un suceso nas noticias”. Salientou que a violencia machista existe e é unha das maiores lacras que ten a sociedade actual, polo que reivindicou que non se pode consentir nin un paso atrás na loita contra esa violencia e a favor dos dereitos das mulleres.

“Sopran ventos malos –dixo-, nos que o Partido Popular de ganchete coa extrema dereita asume e admite que non existe a violencia machista, pero a violencia machista é real, mata mulleres e non podemos consentir. Dende o BNG non se vai consentir nin un paso atrás”, subliñou. Por iso  destacou que a forza nacionalista dispón dun paquete de medidas que poñer en marcha de maneira urxente.

O primeiro punto da proposta nacionalista é incrementar a transferencia dos fondos estatais destinados ao cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia machista. Salientou que este pacto non ten en conta as características galegas, e explicou que “por iso é fundamental que haxa un grupo galego forte que teña en conta tamén na loita contra a violencia de xénero as características de Galiza”. Puxo o exemplo de que no Concello de Pontevedra, en concreto, foron 36 céntimos por habitante o que se recibiron do Pacto de Estado: “Son poucos, subliñou, e non responden tampouco ás características da nosa poboación, dispersa, na que son precisos máis fondos para loitar”.

Tamén destacou a necesidade de introducir o termo ‘feminicidio’ na lexislación española -que xa está na lexislación galega polo traballo do BNG- e que se impulse un ‘Estatuto da Vítima de Feminicidio’.

Salientou que no paquete de medidas hai iniciativas para mellorar o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista, entre as que destacou a creación dun xulgado exclusivo de violencia machista en Pontevedra. Recoñeceu que hai un xulgado específico, mais non exclusivo, polo que as traballadoras están saturadas,xa que reciben ademais dos casos de violencia machista moitos outros. “Precisamos a especificidade e a exclusividade necesaria para que todas as vítimas teñan o trato xudicial que é imprescindible”, insistiu.

Tamén puxo o foco no impulso das mudanzas para estender os mecanismos de xeolocalización do agresor, “xa que é unha medida importante para evitar que vítimas de violencia poidan seguir a ser acosadas polos seus agresores”.

Por último salientou a necesaria xeralización de elaboración de informes forenses de valoración de risco complementarios aos policiais; destinar fondos estatais para incrementar e reforzar os servizos do Imelga; cumprir as obrigas internacionais en materia de prevención, nomeadamente do Convenio de Istamul; impulsar medidas concretas e específicas na formación obrigatoria de todos os axentes, comezando polas forzas e corpos de seguridade do Estado e a xustiza.

“É preciso termos un compromiso. Para o BNG a loita contra a violencia machista é un tema fulcral e a demanda de medidas concretas, que pasan si ou si, por recursos humanos e materiais, un compromiso irrenunciable”, finalizou Da Silva.