Senado

Carme da Silva di que 2025 traerá “bonificacións históricas” na AP-53 da man do BNG

Carme da Silva en Ourense

A senadora do BNG comprométese a seguir traballando na defensa dos intereses da Galiza e, no concreto, de Ourense diante do Goberno do Estado: “un paso máis en favor dos galegos e galegas”

Un dos grandes logros do BNG recollido no Acordo de Investidura para Ourense está a piques de materializarse, avanza a senadora Carme da Silva

A senadora do BNG, Carme da Silva, reivindica o papel do BNG nas Cortes de Estado e o traballo realizado este ano na defensa dos intereses da Galiza exemplificándoo nas primeiras e importantes bonificacións que terán as persoas usuarias da AP-53. Estas rebaixas, froito da negociación e o traballo do BNG, entrarán en vigor no primeiro trimestre de 2025 e suporán un aforro de até 75% do seu custo. Desta forma, o Goberno do Estado dará cumprimento a un dos puntos recollidos do Acordo de Investidura conseguido polo BNG.

Na visita a Ourense, a senadora nacionalista estivo acompañada polo concelleiro e deputado na Deputación, Xosé Manuel Puga; a deputada na Deputación, María Mangana; e o deputado no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés.

“O que pon de manifesto estas bonificacións é que o traballo constante do BNG e a determinación na defensa dos intereses da Galiza son de máxima importancia para o noso País frente a quen leva dúas décadas prexudicándonos e discriminándonos” salienta a senadora do BNG. Isto demostra, continúa Carme, que canta maior representación do BNG nas Cortes do Estado “é máis útil para a Galiza que a inutilidade manifesta do Partido Popular durante os últimos 20 anos”.

Segundo explica a senadora do BNG, o acordo realizado entre o BNG e o Goberno, contempla a entrada en vigor das primeiras bonificacións na AP-53 durante o primeiro trimestre de 2025. “Haxa ou non novos Orzamentos do Estado para o vindeiro ano, 2025 traerá bonificacións históricas para as persoas usuarias desta autoestrada, dando cumprimento a un dos puntos do Acordo de Investidura”.

Históricas, refírese a senadora do BNG, porque son as primeiras que se producen nesta infraestrutura após 20 anos desde a construcións desta infraestrutura e a aplicación de portaxes. “Supón solucionar un agravio promovido polo Partido Popular –promovido polo Goberno de Aznar- que os gobernos do Estado dunha e doutra cor empregaron como arma cando estaban na oposición e que desatenderon cando estaban no Goberno” subliña a senadora do BNG.

Até 75% de rebaixa para as persoas usuarias da AP-53

Neste Acordo de Investidura, ademais de aumentar as bonificacións na AP-9, o BNG conseguiu que estas mesmas rebaixas se aplicasen na AP-53.“Estas bonificacións suporán que no traxecto Santiago-Ourense, quen empregue esta autoestrada –por exemplo- para traballar todos os días terá unha rebaixa de 75%. Un aforro de 200€, de facer esta viaxe 20 días ao mes; ou de 100€ se a viaxe se fai 10 días ao mes” subliña a senadora do BNG. Estas bonificacións de 75% para persoas usuarias superrecorrentes, continúa explicando Carme da Silva, son para 20 viaxes: “dez viaxes de ida e de volta”.

Aos vehículos pesados tamén lle afectarán estas bonificacións, supondo a liberación da N-525 de moito tráfico. “Por cada viaxe, sexa cal for o método de pago dos camións, terá garantida unha rebaixa de 20%; se, ademais, fan ese traxecto de forma recorrente -20 veces- suporá unha rebaixa adicional de 50%, co que aforrará 2.000 € ao ano” apunta Carme da Silva.

Outro exemplo: a modernización da rede ferroviaria

Por outra parte, a senadora do BNG quixo por en valor a apertura da vía ferroviaria que conecta Ourense con Lugo após a súa modernización. “Esta actuación é froito do conseguido polo BNG no anterior Acordo de Investidura e o traballo incansábel que o noso deputado, Néstor Rego, fixo durante a anterior lexislatura” reivindica Carme da Silva. Coa apertura desta liña, sinala a senadora, dáse cumprimento a un dos puntos “mais non o único que ten comprometido o Goberno co BNG a respecto da modernización da rede ferroviaria na Galiza e o impulso das infraestruturas ferroviarias que paseniñamente se están a cumprir”.