Carme da Silva di “Por aquí e así, non!” á nova proposta de liña de alta tensión entre As Neves e Arbo
A cabeza de lista do BNG para o 10N considera "inxusta" a afección e comprométese a levar ao Congreso a reivindicación da veciñanza para que a LAT non pase polos concellos das Neves nen de Arbo
O Bloque presentou hoxe alegacións ante o Goberno central
“Por aquí e así, non!”. Así de firme amosouse hoxe a cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais do 10N, Carme da Silva, nunha visita aos lugares entre os concellos de As Neves e Arbo polos que pasaría a nova proposta de liña de alta tensión (LAT) deseñada por Rede Eléctrica de España co fin de completar o tendido entre Francia e Portugal. Subliñou o seu apoio á veciñanza afectada e indicou que a afección da LAT é fondamente “inxusta” xa que o territorio polo que pasa non vai ter ningún tipo de beneficio e vai sufrir “un estropicio”.
A nacionalista comprometeuse a levar ao Congreso “tan pronto como estea a ventaniña do Rexistro aberta” a petición dunha alternativa menos daniña, así como a tramitar como deputada as reclamacións necesarias para que a última proposta quede descartada. De feito, anunciou que o Bloque, no día de hoxe, presentou alegacións dentro do trámite de información pública, manifestando a súa oposición debido ás afeccións negativas sobre o patrimonio, turismo, economía, paisaxe e medio natural de ambas localidades.
Segundo explicou Da Silva, o novo proxecto para a interconexión do tendido eléctrico entre a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal chegou aos concellos afectados a través da Subdelegación de Goberno e, en lugar de plantexar solucións ao trazado primeiro –moi contestado pola veciñanza-, mantén graves afeccións en toda a comarca do Condado-Paradanta. De feito, este proxecto fora rexeitado no seu día polos problemas que ocasionaría na entrada da parte portuguesa en núcleos urbanos.
O último trazado parte de Fontefría (A Cañiza) e entraría en Portugal pegado ao municipio das Neves, cruzando o Miño na zona existente entre Sela e Vide, defendendo os seus autores que é compatible coa Zona de Especial Conservación (ZEC) e que non afecta a ningunha vivenda.
Sen embargo, Da Silva subliña que non se ten en conta que a megaliña de transporte de 400.000 voltios pasará moi preto dos barrios de Rozas e A Granxa da parroquia de Sela en Arbo e de Bermuín Carrasqueira, Souto, A Chanciña e Requeixo na parroquia nevense de Vide, onde existen casas habitadas moi próximas ao trazado que non son contempladas no estudo.
De feito, segundo explica a candidata, as alegacións do BNG critican que o estudo “non cuantifica o impacto en relación á xeración de campos electromagnéticos, e a existencia dun nexo de causalidade entre estes e a relación co proceso carcinoxénico”.
En canto ao patrimonio, Da Silva subliña que os efectos da LAT son innegables sobre o patrimonio cultural, así como o impacto irreversible sobre o turismo e o valor arqueolóxico de elementos catalogados. Fai referencia á afección directa ao Castro de San Martiño (BIC), así como a outros corenta petróglifos e mámoas doutros xacementos da zona, cruceiros e petos de ánimas. “Esta liña tería un impacto visual e paisaxístico enorme xa que pasaría da serra de San Fins cruzando o Miño ata Portugal dende unha zona alta. Os apoios serían vistos dende quilómetros de distancia”, insistiu, para engadir que a persares de que o estudo di non afectar a unha Zona Natura, si que o fai, xa que todos os camiños de servizo cara as torres van paralelos á conca do Miño.
Por outra banda, a candidata do BNG tamén lembrou que o trazado novo imposibilitaría a execución do proxecto do Parque Forestal Serra de San Fins posto en marcha polas comunidades de montes en man común de Vide e San Cibrán (As Neves) e Sela e Cabeiras (Arbo). Este parque ten como obxectivo adoptar medidas de diminución do risco de incendios coa plantación de frondosas, mellorar as infraestruturas, e a protección de núcleos rurais para que non acontezan as devastadoras consecuencias de lumes como os sufridos en 2016 e 2017.
Da Silva indicou que o problema coa LAT chegará ao Congreso da súa man cunha iniciativa parlamentaria tan pronto sexa deputada. Destacou que as vindeiras eleccións do 10 de novembro deben ser nas que galegas e galegos fagan valer a súa voz coa única forza que defende os intereses do país, a do BNG. “Estas non deben ser as eleccións de Sánchez, Casado ou Rivera; estas eleccións deben ser as que permitan que os problemas da nosa xente deixen de estar no caixón e sexan o centro do debate, e só o BNG ten demostrado que realmente defende a Galiza e as súas necesidades”, indicou.
“En Galiza pagamos as tarifas de electricidade máis caras do Estado. Somos produtores de enerxía, pero pagamos por transportala a Madrid e cara outros sitios. É, logo, fondamente máis inxusto que o noso territorio teña que soportar as consecuencias de transportar a electricidade cunha LAT destas características”, dixo.
Finalizou asegurando que hai que “converter o cabreo da xente coa política madrileña e os seus problemas alleos a galegas e galegos e transformalo nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia no Congreso”.