Carme da Silva denuncia a incapacidade da Xunta para defender o autogoberno da Galiza
O BNG augura que a Rueda “quédalle pouco tempo” como presidente da Xunta de Galiza: o goberno galego do PP está en tempo de desconto, sinala
“O señor Rueda dixo que practicaba o autonomismo responsábel, agora xa sabemos en que consiste: renunciar á transferencia de competencias á Galiza e subordinarse ao mandatos da sede do PP en Madrid” denuncia da Silva
A senadora do BNG, Carme da Silva, denunciou no pleno da cámara alta a incapacidade do actual goberno da Xunta de Galiza de defender os intereses da Galiza e o autogoberno. Así mesmo, critica a submisión aos mandatos de Madrid e, concretamente, a practicada ante a sede do Partido Popular en Génova.
Durante o debate dunha moción do Senado, a senadora do BNG cualifica o discurso do Partido Popular de “demagoxia populista”. Alén do máis, critica a oposición e a falta de cumprimento dos estatutos de autonomía, como o Estatuto de Autonomía de Galiza, co gallo das novas transferencias que se deberán realizar durante esta lexislatura.
A incapacidade do PP para defender o autogoberno galego
No acordo de investidura asinado polo BNG, lembra Carme da Silva, “recolle a transferencia á Galiza de todas as competencias pendentes no Estatuto de Autonomía” así como das “competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento de Galiza”. No concreto, o punto recolle literalmente “avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno galego, mediante a proposta dunha convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galiza, antes de que remate 2023”.
“Durante os últimos catorce anos, o Partido Popular estivo na Xunta de Galiza e foi incapaz de transferir nin unha soa competencia á Galiza. Nin tan sequera as recollidas no Estatuto de Autonomía. E iso que durante estes anos houbo gobernos do PP no Estado” argumenta. Isto, continúa, demostra a incapacidade do PP por defender o autogoberno galego e os intereses dos galegos e galegas.
O “autonomismo responsábel” do que falaba Rueda: submisión
A senadora nacionalista lembrou que o presidente da Xunta dixera na súa intervención na Comisión de CCAA, que practicaba e defendía o autonomismo o responsábel. “Agora xa sabemos en que consiste: renunciar a transferencia á Galiza de calquera competencia pendente e subordinar o noso autogoberno aos mandatos de Madrid, da sede do Partido Popular” sentenza.
“Rueda quere ser un alumno avantaxado do Partido Popular mais, a cambio, non exerce como do que debería de exercer: como Presidente do goberno galego” asevera a senadora nacionalista. Neste sentido, Carme da Silva augura que a Rueda “quédalle pouco tempo” como Presidente da Xunta de Galiza.