Carme da Silva comprométese a ser a voz do comercio local no Congreso
A candidata do BNG por Pontevedra comprométese ademais a modificar a lei que só beneficia as grandes superficies comerciais
“Modificar profundamente a lexislación vixente que está pensada dende Madrid para favorecer ás grandes empresas de distribución e de comercialización impedindo que haxa alternativas de contratación real para o comercio local”. Ese foi o principal compromiso da cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, nunha reunión con representantes do pequeno comercio de Pontevedra para coñecer as iniciativas do Bloque de cara as eleccións do próximo 28 de abril.
Da Silva indicou que a recente normativa aprobada en Madrid pon trabas ás empresas de pequenas dimensións para competir con grandes multinacionais á hora de prestar servizos ás administracións. Segundo dixo, isto nótase fundamentalmente nas contratacións que fan os concellos, que antes do cambio lexislativo “podían optar polo comercio local en calquera contrato, dende material de oficina, de limpeza ou talleres, mentres neste momento hai unha lexislación que o impide”.
A candidata destacou que é cuestión de vontade política que se faga un cambio nesta normativa, polo que destacou que dende o BNG fará propostas para conseguir que o comercio local manteña os seus anteriores dereitos. “Estaremos no Congreso en representación dos intereses de Galiza, pero tamén dunha parte fundamental do tecido económico galego como é o pequeno comercio, que ademais é fundamental para que sobrevivan as cidades. Faremos estas propostas de cambio coa voz que vai ter Pontevedra e Galiza a partir do 28A no Congreso da man do BNG”, subliñou.
Amais das normativas lesivas para o pequeno comercio, Da Silva falou no encontro (no que tamén estivo o alcalde de Pontevedra Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías), da necesaria modificación do IVE nalgúns produtos. Tamén explicou a proposta do BNG para unha tarifa eléctrica galega ata un 30% máis económica que a actual, axustada aos consumos e beneficiosa tanto para empresa como para familias. “Galiza produce excedente de enerxía. Sae para fóra o 40% do que producimos, pero non a exportamos, róubannola, porque a pesares de producila pagamos a tarifa máis cara do estado porque nos inclúen as peaxes de trasladala a Madrid. Iso non ten razón de ser: os vascos xa teñen unha tarifa propia. Por que nós non?”, cuestionou.
Opción real de parar á dereita
Da Silva subliñou a necesidade de ter unha voz verdadeiramente galega en Madrid, lembrou a “ristra de incumprimentos” de PP, PSOE-Podemos-En Marea cando estiveron no goberno “ignorando as necesidades de Galiza”. “Só cando o BNG estivo se condicionaron as políticas do Estado, e é necesario volver a ser protagonistas”, destacou.
Neste sentido, a candidata destacou que na actualidade estase a vivir un “contexto excepcional” que esixe sumar o voto de país no BNG, unha forza que segundo todas as enquisas é a que ten máis posibilidades “non só de dar voz a Galiza, senón tamén de desputar directamente o escano por Pontevedra con VOX e CD’s”. “Esa dereita é a que quere levarnos 40 anos atrás e hai que poñerlle freo indo a votar o 28A pensando en Galiza”, subliñou.
A nacionalista insistiu en que se está a producir un #EfectoBNG que posibilitará que o Bloque volva ás Cortes Xerais. “Nesta campaña notamos que imos a máis, notamos que desta vai e que poderemos, con dous deputados en Madrid, condicionar as políticas do Estado”, finalizou.