Carme Da Silva chama a frear o “timo verde” dos proxectos eólicos cun grupo galego forte do BNG en Madrid
A cabeza de lista do Bloque por Pontevedra defende que a enerxía galega reverta nas galegas e galegos en lugar de usar Galiza como 'colonia enerxética' de Madrid como fan PP e PSOE da man das eléctricas
“Hai que parar o ‘timo verde’ dos proxectos eólicos en Galiza e que a enerxía galega reverta en beneficio dos galegos e galegas”. Así de contundente se amosou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra para as eleccións do vindeiro 23X Carme da Silva nun encontro con colectivos da comarca de Pontevedra afectados polos eólicos.
Para poñer freo ao “espolio depredador” que pretende instalar 11.500 megavatios novos en terra en Galiza (na actualidade hai 4.000) “e poñer todo o vento galego en mans dos grandes grupos de investimento e das grandes eléctricas”, dixo a nacionalista, é precisa tanto mobilización social como política. Por iso instou a ter un grupo forte do BNG no Congreso en Madrid con capacidade de decisión para que se modifique a normativa que agora permite inzar de aeroxeneradores o país.
Da Silva defendeu que é preciso e o BNG loitará na Cámara Baixa para que se recupere a exposición pública dos proxectos e a participación social, tamén para que haxa unha planificación das necesidades enerxéticas que ten Galiza e que se estableza en que se vai reinvestir o beneficio, así como que haxa unha tarifa eléctrica galega, “porque se producimos enerxía o lóxico é que reverta na factura doméstica e na empresarial e sirva para incrementar a capacidade industrial do país”.
Para a candidata é fundamental que a cidadanía dea ao BNG o 23X o apoio suficiente para que Galiza politicamente teña capacidade de decisión e poida defender os seus intereses de país fronte ao centralismo e bipartidismo madrileño. “Canto máis forte sexa ese grupo máis poderemos condicionar as políticas que nos afectan”, salientou. Explicou que neste momento as modificacións que houbo tanto na Xunta como no Estado da normativa que regula os eólicos fai máis laxa e permisiva a instalación dos proxectos en terras galegas.
“Aquí van do ‘ganchete’ absolutamente o PP e o PSOE: prefiren discriminar a Galiza e utilizala como unha colonia de produción e extracción dos recursos enerxéticos para favorecer outros territorios e os grandes grupos de inversión e eléctricas”. “Vestido de ecoloxismo queren facernos tragar un espolio absoluto dos nosos recursos patrimoniais e ambientais. Fálase moito de recuperar o rural, pero isto expulsa do rural a toda a poboación”, apuntou, destacando que mentres moitos parques eólicos van estar en zonas galegas que teñen algunha figura de protección ambiental, en Madrid non hai un só megavatio eólico.
“Alí non hai un só parque tramitándose e a escusa é que as serras madrileñas están protexidas. Iso é colonialismo do século XXI: queren que sexamos unha colonia enerxética madrileña. Que produzamos aquí cos costes sociais e ambientais da enerxía eléctrica para que despois unha das comunidades que máis enerxía consume do estado, enormemente deficitaria en produción, consuma esa enerxía, aínda por riba pagando ao mesmo prezo ca nós. Porque tamén pagamos o transporte da enerxía de aquí ata Madrid”, criticou.
Da Silva, lembrou, de feito, que Galiza é unha grande produtora de enerxía que exporta máis do 40%. “O 46,2% da enerxía que se produce é por fontes renovables e somos a terceira comunidade do Estado en produción de enerxía eólica. Non deixa de ser rechamante por consecuencia de decisións políticas que se adoptan de costas a intereses galegos, que mentres pasa isto, e temos excedente de produción de enerxía eléctrica e estando proxectándose un auténtico boom eólico, o noso emprego industrial cae en picado. A produción de enerxía eléctrica ten que servir para a reindustrialización e para que haxa un desenvolvemento industrial en Galiza”, reivindicou.
Todas estas cuestións, así como o estado de tramitación e desenvolvemento dos diferentes parques, foron tratadas na reunión cos colectivos e comunidades de montes, augas e asociacións veciñais (Asociación de veciños de Santa María de Xeve. Son de Xeve, CMM Marcón, CMM Tomeza, Plataformas do Castrove e Amil sen eólicos, colectivos da Canicouva, Parada e Portela, Campañó, e CMM Viascón) afectadas por proxectos eólicos na contorna de Pontevedra, onde Da Silva destacou que “hai iniciativas para todos os montes que rodean Pontevedra. Miremos para onde miremos, ao monte que miremos, vai haber un proxecto”.
Pola parte do BNG, ademais da candidata á Cámara Baixa, estiveron no encontro as tamén candidatas Óscar del Valle e Sabela Bará, a concelleira responsable de montes no Concello de Pontevedra María Xosé Abilleira, o responsable local Demetrio Gómez Xunqueira e o deputado do Parlamento Galego responsable dos temas ambientais, Luís Bará.