Senado

Carme da Silva demanda a Transportes mellorar o Tren Celta e incrementar as frecuencias

Carme da Silva

Ante a demanda de persoas usuarias deste servizo ferroviario, a frente nacionalista defende reforzar a liña, en colaboración co goberno luso, e incrementar as frecuencias

Realizar actuacións de mellora da infraestrutura mentres se agarda á execución da saída sur de Vigo e ao AVE Vigo-Porto, conseguido polo BNG no acordo de investidura, e renovar o material rodante: propostas da frente nacionalista

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado para solicitar o compromiso do Ministerio de Transportes coa mellora do Tren Celta, entre Vigo e Porto, e o incremento das frecuencias ferroviarias. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende que, mentres non se execute a saída sur e o AVE Vigo-Porto, o Goberno do Estado debe actuar para modernizar a vía ferroviaria actual e renovar o material rodante, así como a catenaria. O aumento de persoas usuarias deste servizo ferroviario, engade da Silva, debería ser argumento suficiente como para que o Ministerio reforce a liña, en colaboración co goberno luso.

A día de hoxe, a única conexión ferroviaria existente entre Vigo e Porto é a que realiza o Tren Celta, servizo que é compartido por Comboios de Portugal e Renfe e que consta de dúas frecuencias ao día: desde Vigo ás 8.58 h e ás 19:56h, e desde Porto ás 8:13 e ás 19:10h. “A pesar das deficiencias, insuficiencias, avarías e os prolongados tempos de viaxe, este corredor volveu experimentar un novo récord de viaxeiros desde que se restabeleceu o servizo en outubro de 2021” sinala a senadora do BNG.

Ante esta situación, o BNG vén de rexistrar diversas iniciativas nas Cortes do Estado para mellorar este servizo e aumentar as frecuencias que se están ofrecendo actualmente. En reiteradas ocasións, lembra a senadora nacionalista, a organización tense dirixido a Transportes para mellorar este corredor: “tanto na infraestrutura como no parque móbil” lembra.

De facto, nunha recente resposta por escrito, o Ministerio afirmaba que “está levando a cabo xestións para a obtención do certificado de seguridade, tanto para poder operar de forma independente en Portugal como en colaboración coa empresa lusa Comboios”. En opinión da senadora do BNG, é necesario reforzar a conexión, mellorala e impulsala “mentres agardamos á saída sur de Vigo e ao AVE entre Vigo e Porto. O medre da demanda e o aumento do tráfico de persoas usuarias é un bo indicador que debe servir para apostar pola mellora da conexión”.

Por parte do Ministerio de Transportes, relata Carme da Silva, tamén é preciso avanzar na modernización da liña e do material rodante. É certo que nos últimos anos ambas operadoras traballaron para a electrificación dos tramos pendentes, e a instalación dunha catenaria híbrida para permitir a explotación a 3 kv.c.c, mais, segundo sostén Renfe, o paso a 25 kV c.a debe agardar debido a que a renovación das catenarias ten que ser progresiva.