Carme da Silva: “Baltar debería ter sido cesado ou dimitido o propio día que circulou a 215 km/h”
A senadora do BNG cualifica de “vergoñenta” a irresponsabilidade do senador popular e culpa o PP “de ser cómplice” por encubrilo e premialo como senador por designación autonómica
“As persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben ser exemplares” asevera da Silva
Ante a aprobación do suplicatorio de Baltar na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta situación “nunca se tería que ter producido” porque “o que foi Presidente da Deputación de Ourense debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h”. Da Silva culpabiliza o Partido Popular por “apoiar, encubrir e incluso premiar” a Baltar propóndoo e votándoo como senador por designación autonómica.
A decisión do Tribunal Supremo confirma que existen “indicios moi graves” cometidos por Baltar “no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos”. Os feitos polos que está sendo investigado o antigo presidente do PP de Ourense remóntanse ao pasado 23 de abril de 2023 cando, sendo presidente da Deputación, Baltar foi interceptado a 215 quilómetros por hora na A-52. Segundo o informe da Garda Civil de Tráfico, ía ao volante dun coche propiedade do organismo provincial.
“Estes feitos constitúen, de por si, unha barbaridade e unha vergoñenta irresponsabilidade que converten a Baltar nun perigo público” asevera a senadora do BNG. Ante a aprobación do suplicatorio no Senado, Carme da Silva sinala que “Baltar debería ter sido cesado ou dimitido o propio día en que circulou a esa velocidade mais a súa irresponsabilidade, co beneplácito e o apoio do seu partido, levaron a esta situación”.
“As persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben de ser exemplares e é unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa fose premiada polo Partido Popular converténdoo en senador por designación autonómica” denuncia da Silva. Frente a esta actitude de Baltar e o silencio indignante do PP, o BNG ten claro que “ninguén é impune e que non todo vale”.