Carme da Silva aposta por crear un museo da memoria nos terreos da batería de cabo Silleiro
A cabeza de lista do BNG comprometeuse a esixir no Congreso a compensación do roubo das terras aos lexítimos propietarios e propietarias “por dignidade”
Pediu sumar votos no Bloque por ser a opción mellor situada para gañar o deputado que está en disputa na provincia á dereita carca e antigalega
Transferir os terreos da batería de Cabo Silleiro ao Concello de Baiona, crear alí un museo da memoria, e compensar á veciñanza lexítima propietaria das terras o roubo das súas propiedades durante o franquismo. Esa é a iniciativa coa que se comprometeu en Baiona a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, quen subliñou que as instalacións militares de Baredo son un exemplo máis do espolio franquista en Galiza que é preciso reverter “por dignidade”.
Da Silva manifestou que o BNG ten unha axenda clara pola recuperación da memoria histórica que defenderá dende os seus escanos en Madrid e que comeza por devolver ao pobo todos os bens espoliados polo ditador e a súa familia, lembrando as terras, centros culturais, e outras propiedades usurpadas en centos de vilas do país, ademais dos mediáticos Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham. Tamén sinalou o necesario cumplimento da Lei de Memoria Histórica cunha dotación económica suficiente para a súa implementación, e a ilegalización da Fundación Franco.
A nacionalista subliñou que a voz do BNG para desagraviar ás vítimas do franquismo, en calquera das súas formas, será “comprometida e firme” fronte á involución que se está a producir pola “ultradereita carca, rancia e cavernícola que se presenta en forma de tres partidos distintos pero cunha soa liña ideolóxica”.
Da Silva animou aos indecisos, xa sexan nacionalistas ou non, a sumar no BNG os seus votos para frear a esa dereita e para ademais, volver dar a Galiza a voz que non tivo no Congreso na última lexislatura. “O 28A non temos que renunciar a nada. Non temos que elixir entre o malo ou o mal menor, entre defender e dar voz a Galiza ou frear á dereita. O 28A co voto ao BNG podemos telo todo”, subliñou.
Destacou, de feito, que os votos que “máis doerán ao trifachito de Colón” serán os votos ao BNG, xa que que o Bloque é a forza política mellor situada para disputarlle o escano que está en liza na provincia de Pontevedra. “Haberá que ver a cara que lles queda a Feijóo, Casado, Rivera ou ao reconquistador comprobando que é o BNG o que impide que consigan representación en Pontevedra”, dixo.
Abandono absoluto
A batería de Silleiro foi un bastión militar construído polo réxime franquista ao remate da guerra civil que comezou a súa actividade a principios dos anos 40 coa misión de ser unha formación defensiva fronte a un posible ataque marítimo que nunca aconteceu. Consta de catro canóns, galerías de túneles e varias edificacións nas que a man de obra utilizada foi a dos prisioneiros da ditadura franquista, que foron escravizados, castigados, torturados e incluso asasinados nas propias terras.
Os terreos do asentamento militar non foron expropiados, senón que foron usurpados á veciñanza, ben como titulares privados, ben como terras da comunidade de montes en man común de Baredo. Nos anos 80 rexistráronse a nome do Estado e convertéronse en destino de mozos na obriga de cumprir co servizo militar até que no ano 1998 as instalacións se declararon definitivamente inservibles. A día de hoxe seguen a ser propiedade do Ministerio de Defensa e presentan un estado de abandono absoluto.