Carme Aira urxe a Medio Rural a impulsar “un proxecto propio que vertebre o agro galego” e inclúa a PAC como “un elemento máis” na dinamización do sector
A deputada do BNG, Carme Aira trasladou ao director Xeral de Agricultura e Industriais Agroalimentarias, José Balseiros a necesidade de impulsar “un proxecto propio que vertebre o agro galego” no que “a PAC sexa un elemento máis na dinamización do sector”. Ademais, reclamou “compensar” a redución, por parte do Ministerio, do 30% das axudas da PAC.
Na formulación da pregunta parlamentaria ao goberno sobre as medidas para mellorar o orzamentos correspondente a Galiza das axudas da (PAC) e reforzar a viabilidade do sector, a nacionalista lamentou que director xeral de Agricultura non se pronunciara nin avanzara “ningún compromiso”, máis ben, criticou a deputada, “xustificou o que está acontecendo sen tomar ningunha medida”.
Carme Aira destacou a grande dependencia das políticas rurais á PAC pero a pesar do importante papel que cumpre a Política Agraria Común, dixo, esta debe funcionar como “elemento vertebrador” dentro dun “proxecto propio” e como complemento do mesmo pero sempre que dende o BNG formulamos esta proposta, “o Partido popular vota en contra sistematicamente”.
Aira augura un novo período da PAC con baixas e escaseza de fondos
Para a deputada, utilizar a PAC como elemento único de xestión provoca situacións como a falta de axudas para as producións ecolóxicas ou novas incorporacións e explicou que a falta de fondos sen un plan B restaron 12M de € por considerar que con “ 7 millóns de euros xa amañaban”. Vostedes, saberán porque a carne certificada ten axudas e outros.
Resultou “dramático” rematar o período da PAC con este fracaso e moito nos tememos, advertiu a deputada, que a situación pode empeorar no novo período pola baixas e escaseza de fondos.
O novo período da PAC se inicia con determinadas expectativas e estimacións que prometían fondos que no seu reparto tocarían a unha serie de importes unitarios dos eco-réximes, hectáreas ou axudas asociadas pero estas estimacións eran erráticas como confirma o FEGA en setembro do 2023 afirmando que os importes unitarios e provisionais resultaron ser un “fiasco” para o sector produtivo primario, porque non acadan importes estimados.
En canto aos eco-réximes, engadiu , comprobouse que hai unha diferencia do 28% entre as estimacións e as contía reais e no caso dos pastos extensivos, sega ou illas de biodiversidade supoñen 17,44€ menos por hectárea.
Asemade, no ámbito das terras de cultivo-sementeira directa e rotación con especies mellorantes hai unha a variación do 20% reducindo os pagos por hectárea a 17,08€ e a respecto das axudas asociadas para o vacún de carne “as gandeiras e gandeiros van recibir 3,63€ menos por vaca, pasando dos 85,16 aos 81,53 euros”.
Este novo período da PAC “sacudiu fortemente” ao noso agro, ao incorporaren máis requisitos e esixencias para acceder ás axudas totais ao tempo que se fixo “máis complexa a súa solicitude”. En opinión da nacionalista, “non é non unha cuestión menor perder ingresos derivados da falta de fondos nun contexto de inflación, coa subida vertixinosa e acumulada dos insumos, a industria da distribución e comercialización subindo os prezos aos consumidores/as e absorbendo as ganancias mantendo a produtores primarios con prezos axustados ou por baixo do custe”.
A maiores, a deputada tamén se referiu a multiplicidade de pragas e perdas ocasionadas pola boa adaptación ao cambio climático que fan especies autóctonas e invasoras, que facilitan e promoven que se perdan axudas da PAC sen que se poñan en marcha medidas correctoras e compensacións pola vespa velutina que depreda ás abellas afectando a produción de mel, a produción froiteira ou a vitícola ou o verme que devorou o pasto dende a Mariña lucense até a Pastoriza.
Pola súa parte, o director xeral de Agricultura coincidiu coa deputada na diagnose da realidade do agro galego pero non avanzou ningunha medida sobre a reclamación de compensacións pola diminución dos importes unitarios e axudas nin sobre as previsións da xunta para abordar “un cambio profundo” na distribución das axudas de cara o período post 2007.
Aira rematou a súa intervención preguntado se o goberno da Xunta está disposto a “ traballar para que se establezan de novo as necesidades reais dos e das agricultoras e o número de hectáreas que xeran dereitos de pago” e asumir inicialmente con fundos da Xunta de Galiza estas diferenzas para garantir a viabilidade das explotacións.
O director Xeral de Agricultura respondeu con evasivas ás preguntas da nacionalista e eludiu calquera compromiso na liña proposta pola deputada do BNG, Carme Aira.