Carme Adán : “Se as mulleres asasinadas fosen por terrorismo, Feijóo estaría hoxe neste debate”

O grupo parlamentario contra a violencia de xénero

 A deputada cualificou de “problema de Estado” a violencia de xénero e acusou o Goberno galego de “ausentarse” nun debate sobre unha realidade que xa leva sete mortas en Galiza no ano 2014 porque: “O machismo mata”

 Pleno.-Durante a intervención, a petición propia, do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda para informar das políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero, a deputada do BNG, Carme Adán fíxolle entrega dunha táboa reivindicativa de 10 medidas contra a violencia machista e demandou do Goberno de Núñez Feijóo abandonar “o dobre discurso” da lamentación “ritual” mentres segue reducindo o orzamento en políticas de Igualdade e persoal de atención social.

Mulleres contra a violencia de xénero maniféstanse ante o Parlamento galego

Coincidindo co debate parlamentario, un nutrido grupo de mulleres de diversos colectivos de loita contra a violencia de xénero concentrábase nas inmediacións da Cámara galega portando cadaleitos baixo o lema, “NON Á VIOLENCIA MACHISTA” e reivindicando máis recursos e medidas.

Pola súa parte, a secretaria de Iniciativas feministas do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao recalcou, ante os medios de comunicación, que a táboa entregada a Rueda pola deputada do BNG recolle medidas concretas na procura dun plan de coeducación en todos os niveis do ensino, prestación económica durante todo o ano que garanta a independencia das vítimas, dotar de xulgados especializados en violencia de xénero ás cidades galegas, apoiar o asociacionismo contra os malos tratos, a formación especial para o persoal sanitario, un plan de emprego feminino e un protocolo de actuación no tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación.

O Goberno galego ausente do debate contra a violencia de xénero

Xa no debate parlamentario, Adán reiterou en varias ocasións que “o machismo mata” é só un verdadeiro compromiso dos Gobernos poden impedir que segan producíndose asasinatos de mulleres, asemade, criticou que ante un debate de tal envergadura, “sete mulleres asasinadas” neste ano, o Goberno galego non asista ao Parlamento. “As políticas de igualdade deben ser transversais” e non meras declaracións de intencións, a ausencia do Goberno constata a súa falta de interese para resolver a violencia contra as mulleres.

A deputada remarcou que as reformas laborais do Partido popular prexudicaron gravemente o colectivo feminino. “O machismo mata” reiterou é a desigualdade laboral tamén é trasladada ao fogar. “O PP lexisla contra a igualdade” sentenciou tras aludir aos recortes sociais que despois recaen sobre ás costas da mulleres, hoxe, dixo, “as mulleres son máis pobres que hai cinco anos” e en moitas ocasións, a falta de recursos impide que unha muller rompa definitivamente co seu agresor.

Tras a intervención da deputada do PP, Paula Prado, a parlamentaria do BNG lembrou que “nin a Lei de apoio á muller embarazada, nin de familia e convivencia ou a da modificación do aborto” contan co apoio do BNG porque son “sexistas” e suman desigualdade entre homes e mulleres.

O machismo mata porque a discriminación está normalizada

Adán asegurou que existen comportamentos que impiden a igualdade entre os que destacou, subvencionar centros que segregan por razón de sexo, que o Sergas negue un contrato a unha muller embarazada ou a publicidade sexista xustificada pola secretaria Xeral de Igualdade, “Coruña, guapa, antes morta que sencilla” como unha cuestión de gustos.

A nacionalista asegurou que resulta moi difícil reclamar á mocidade non reproducir formas machistas cando series de Televisión, publicidade ou a propia educación camiñan en sentido contrario. Para vostedes a Educación para a cidadanía adoutrinaba porque defendía a igualdade de xénero, “ os que non adoutrinan, segundo o PP, son os colexios do Opus que segregan os nenos e as nenas, eses educan”.

Adán rematou a súa intervención afirmando que “o machismo mata porque a discriminación está normalizada”.