En que bando está Feijóo cando falamos de financiamento, a favor de Galiza ou de Rajoy e Montoro?
Lanza tres mensaxes contra a violencia de xénero: O BNG está ao lado das vítimas, todos e todas debemos traballar para erradicar o machismo e a Xunta e Goberno central deben priorizar esta loita na súa axenda política
O BNG presenta o documento Bases democráticas a En Marea e PSdG-PSOE, proposta política para superar o actual marco estatutario e constitucional
A portavoz do BNG pregunta a Feijóo, en materia de financiamento, en que bando está, “a favor de Galiza ou de Rajoy e Montoro” e critica que ante o novo modelo, o Presidente da Xunta permaneza “desaparecido” e sen “facer nada”.
Na comparecencia trala xuntanza do Consello Nacional, Pontón afirmou que Galiza soporta un sistema de financiamento “inxusto e discriminatorio” e todos os galegos e galegas recibimos menos do que aportamos. O sistema de financiamento non é “suficiente” para manter os servizos básicos nin o custe real por prestar estes servizos nun territorio cunha poboación dispersa e envellecida e tamén é “insuficiente” para manter a sanidade e educación.
Co último exercicio fiscal liquidado, explicou , Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e de poboación que se lle aplican a Euskadi, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.
As cifras constatan, recalcou, que o actual sistema de financiamento “é discriminatorio e inxusto” e faille perder a Galiza arredor de “3.400 millóns de euros anuais”.
Ante o novo modelo de financiamento autonómico, que fai Feijóo como presidente de Galiza?, “nada”, segue agardando “con submisión” a ver que ofrece Montoro, porque o presidente da Xunta non ten ningunha proposta que facer en defensa dun sistema de financiamento xusto para Galiza.
Ata agora, e nun debate crucial, a estratexia de Feijóo consistiu en nomear a un experto para mandar a Madrid e en criticar ao Goberno vasco por facer o que el non se atreve a facer: Defender os intereses do seu pobo.
A día de hoxe, insistiu Pontón, a Xunta non presentou a súa proposta de financiamento para este país e, desde o BNG pedímoslle a Feijóo que envíe ao Parlamento, canto antes, a alternativa do seu Goberno para acabar coa discriminación que soporta Galiza.
PROPOSTA DO BNG CARA UNHA FISCALIDADE XUSTA
Desde o Bloque temos unha proposta clara que aposta pola autonomía fiscal e financeira plena de Galiza: “Un concerto económico que nos permitiría recadar o 100% dos nosos ingresos e despois facer contas co Estado”, que nos permita ter unha facenda galega e unha banca públicas galegas, evitando a fuga de 15.000 millóns de euros para outros territorios cando aquí empresas e familias seguen coa billa do crédito pechada. “O que queremos saber é que propón a Xunta”.
Ao señor Feijóo, que tanto lle gusta falar de bandos, dicirlle que no debate sobre un novo sistema de financiamento autonómico só hai dous bandos: “Ou se defenden os intereses dos galegos e das galegas ou se defenden os intereses de Rajoy e de Montoro. Así que pregúntolle a Feijóo de que bando está, porque o BNG ten claro que quere un sistema de financiamento que nos dea capacidade fiscal plena, que sirva para que as empresas tributen aquí, para acabar co espolio do nosos impostos e mellorar a calidade de vida da maioría social deste país”.
Esperamos con impaciencia que o Goberno mande ao Parlamento a súa proposta. O BNG ten a súa, “un concerto económico que daría a Galiza máis de 3.000M€ adicionais cada ano para financiar os servizos sociais e facilitar a creación de emprego”. Estes datos desmontan a falsa idea de que este país vive grazas á solidariedade do Estado, “Galiza non é un país subsidiado”. Por contra, pedimos “o mesmo concerto económico que o PP apoia no Congreso para Euskadi e Navarra, pero que o PP e Feijóo vetan para Galiza. Feijóo terá que explicar porqué”.
Desde o BNG pensamos que é posible “un pacto de país” para un futuro modelo de financiamento autonómico, un pacto desde a confianza nas capacidades de Galiza e coas ferramentas necesarias para ter unha tarifa eléctrica galega ou impedir “as abusivas peaxes da AP-9”.
25 DE NOVEMBRO, DIA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
No Día contra a violencia de xénero, Pontón quixo lanzar tres mensaxes: O BNG está do lado de todas ás vítimas e defenderemos sempre o seu dereito a vivir “lonxe dos berros, insultos e golpes” porque saída contra a violencia.
O conxunto da sociedade, debe estar alerta e desterrar o machismo, e para iso é preciso “non mirar para outro lado”. Neste sentido, exixiu que os gobernos da Xunta e do estado, sexan “os primeiros en ser autocríticos e situar como unha prioridade, os 365 dias do anos, a loita contra a violencia machista”. As prioridades políticas teñen que ser tamén orzamentarias, por iso, desde BNG defendemos que se incrementen os recursos para loitar contra violencia e aplicar as leis, “necesitamos pasar das palabras aos feitos”.
Pontón lembrou que violencia machista fai que cada día 15 mulleres acudan ao xulgado a poñer unha denuncia, -46.000 rexistradas en Galiza desde 2009-, e isto é só a punta do iceberg, apenas un 20% dos casos. A violencia machista suma máis mortes que o terrorismo, en concreto desde o ano 2.000 o Estado español recoñece 678 vítimas por terrorismo, mentres que nese mesmo período, o machismo asasinou a máis de mil mulleres.
O BNG PRESENTA AS BASES DEMOCRÁTICAS A EN MAREA E PSdG
Finalmente, a portavoz nacionalista aludiu á campaña do BNG para avanzar “nun novo status de Galiza como Nación” a través da proposta recollida no documento Bases democráticas .
Ademais de actos públicos e presentación a diversos sectores da sociedade, a campaña, dixo, continuará co contacto coas forzas políticas da oposición. Nese sentido xa temos iniciado contactos para facer unha presentación formal das Bases coas direccións do PSdG e En Marea, porque o debate sobre o status de Galiza é o reto máis importante que temos como país por diante. “Dende o BNG queremos unha Galiza protagonista e non unha Galiza espectadora”, concluíu.